A Deputación adxudica a mellora dun novo treito da estrada que une Pedrafita e Seoane do Courel

la voz LUGO

LUGO

A Deputación de Lugo xa iniciou os traballos nalgúns tramos
A Deputación de Lugo xa iniciou os traballos nalgúns tramos CEDIDA

No 2022 licitará o derradeiro tramo para completar o arranxo esta vía de Lugo

17 dic 2021 . Actualizado a las 13:26 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación por 300.000 euros das obras de ensanche e mellora dun novo treito da estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel. Así o informou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

As actuacións contemplan a ampliación da estrada dende o punto quilométrico 8,6 ao 10,7, pasando dos actuais 4 metros ata os 5,5 metros de ancho. Tamén se farán tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. Ademais, vanse colocar balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade.

Tendo en conta que as actuacións se fan na súa totalidade nunha zona que pertence á Rede Natura 2000 dos Ancares, búscase realizar unha actuación cun impacto medioambiental mínimo.

A institución ten a día de hoxe en marcha traballos nun primeiro tramo desta vía cun investimento de 245.000€, hoxe aprobou a adxudicación do segundo, e a principios do 2022 licitará o terceiro e último, «co cal, cumprindo co compromiso do presidente, José Tomé Roca, o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada».

Cando finalicen as tres fases das obras desta estrada, a Deputación levará investido preto dun millón de euros nesta vía provincial, «o que beneficiará aos veciños e veciñas destes concellos e de toda comarca».

Outros contratos

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén sacou adiante a aprobación dun convenio de colaboración co Real Aeroclub de Lugo a través do que a institución provincial achegará 30.000 euros para as obras de substitución do equipo de depuración da auga da piscina do club, que se atopa en Mondriz, no concello de Castro de Rei.

En materia de contratos, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do correspondente á subministración de material de oficina para a Deputación de Lugo por 12.000 euros. A duración do contrato é ata o 20 de febreiro de 2022.