O galego na gorxa... e na lingua

María L. Sández

LUGO

07 dic 2021 . Actualizado a las 18:05 h.

Non é a primeira vez que, nestas páxinas, nos achegamos á artesanía galega, recollendo iniciativas como a impresión das follas da nosa flora sobre seda en As flores de Greta ou os coitelos tradicionais con mango de buxo de Celso Ferreiro. Esta semana, nas páxinas deste xornal, Pablo López, de Meira, relataba a súa experiencia empresarial con bufandas de lá nas que comezou imprimindo palabras en inglés ata decatarse, segundo el mesmo di, de que a verdadeira demanda era o galego.

Así que Bicos de fío (o nome da empresa xa era galego desde o comezo) decidiu apostar por bufandas que agariman e quentan o pescozo con palabras coma brétema, toxiño ou agarimo e aí comezou a despegar e a impulsar a súa web. Polo visto, é un agasallo frecuente para galegos e galegas que están fóra do territorio e que reciben, polo nadal, un anaquiño de terra en forma de palabra impresa.

O que máis me interesa da historia é que a aposta non fose esta desde o comezo, que a idea inicial fose empregar o inglés e que, finalmente, se chegase ao galego como froito dunha demanda. Só falta ver por que tanta xente que ama a nosa terra, dentro e fóra, que se emociona se, lonxe dela, se abeira do frío e a intemperie envolveito na nosa brétema, non asume máis plenamente o compromiso coa lingua. Porque agora que somos conscientes de que estamos nunha encrucillada ecolóxica que pon en risco a diversidade da vida no planeta, deberiamos selo, tamén, de que estamos a vivir un momento decisivo para a riqueza cultural e lingüística do mundo. E, se esta perda acelerada nos interpela (dise que das 7000 linguas do planeta a metade terán desaparecido en 50 anos), cómpre sabermos que o noso xeito de implicármonos nesta causa global, desde este lugar do mundo, pasa por falarmos galego. Levemos as nosas verbas non só na gorxa, senón tamén na lingua e no corazón.