Mes de despedidas

María L. Sández LUGO

LUGO

30 nov 2021 . Actualizado a las 17:50 h.

Novembro, coa súa saudade outoniza, semella un mes acaído para as despedidas. Iniciámolo coa celebración dos mortos e pechámolo coa dor do pasamento dalgunhas figuras senlleiras. Nos últimos días soubemos da morte de Almudena Grandes, que fixo dun verso de Machado case un lema para a dor e o esgazamento da Guerra Civil e puxo nun primeiro plano o tema da memoria histórica desde o compromiso literario. E, uns días antes, producíase unha perda aínda máis próxima para nós, como galegos e lucenses, a de Darío Xohán Cabana.

Xa que de historia e de morriña se nos tinxe o mes, entre todas as obras posibles e coma homenaxe para alguén que fixo moito por merecelas, eu convidaríaos a ler Morte de rei, unha novela que Darío Xohán Cabana publicou en 1996 e que nos achega, con punxente nostalxia, aos tempos do antigo Reino de Galicia e ao proceso de perda do que puido ser nunha encrucillada clave da nosa historia.

Darío Xohán Cabana é, para os lucenses, primeiro e ante todo, unha persoa, parte da historia viva da cidade, un compañeiro de tránsito sempre á beira da cultura, mais desde unha posición humana e humilde. Pero Darío é, tamén, un dos grandes da historia da literatura galega, un coidadoso poeta, un meticuloso mestre da linguaxe. Recoñecido admirador do petrarquismo, aprendeu italiano para poder verquer a obra de Petrarca ao galego e foi, por iso, tradutor xustamente premiado. Permitiunos, tamén, poder ler na nosa lingua a obra magna de Dante, A Divina Comedia, unha obra narrativa en verso que requiría, seguramente, a man de quen foi simultaneamente narrador e poeta. Darío foi sempre consciente da importancia para o noso idioma da tradución; mais construíu, tamén, unha obra propia, diversa, unida por ese fío condutor do coidado estilístico e coherente coa creación dunha Galicia mítica. Porque o mito, xa se sabe, agocha verdades que non poden conterse na constrinxente literalidade. Darío foi un humilde e habelencioso construtor de nós. Que a terra lle sexa leve.