«Queridísima madre, escribo estas letras para que sepáis soportar mi muerte»

O Vello Cárcere de Lugo desvela a historia de tres presos executados trala Guerra Civil

«Queridísima madre, hermanos y demás familia, escribo estas letras para que en ellas reflexionéis, especialmente nuestra madre, que como muchas otras lloran y lloran sin cesar. Por eso os escribo, para que tengáis valor y sepáis soportar la muerte no solo de vuestro hijo y hermano...». Cunha caligrafía estilizada, Manuel Rodríguez Castro, nado en Lugo, encabezaba un dos moitos textos que escribiu durante a súa curta estancia na prisión do Partido Xudicial de Lugo durante a Guerra Civil. El foi un dos preto de 5.000 presos dos que quedou constancia que pasasen polo que hoxe é O Vello Cárcere entre o estalido da Guerra Civil e o ano 40.

A súa historia, como a de Manuel Jul Rodríguez e Perfecto Castro Martínez, puido reconstruírse grazas á memoria e ao material cedido temporalmente polas familias, da man da exposición permanente «O Vello Cárcere: da Guerra á posguerra», que tenta poñer rostro e historia á vida dos preto de 5.000 reclusos que por alí pasaron.

O enfermeiro Manuel Jul (á dereita)
O enfermeiro Manuel Jul (á dereita)

Manuel, ebanista de profesión, cruzou as portas do vello cárcere de Lugo en novembro do 36 e en xullo do 37 foi executado, ás seis da tarde, nas tapias do cuartel de Garda Civil. Era un home alto e espigado ao que xulgaron por rebelión militar. O seu pecado, pertencer á CNT. Dalgún xeito, durante a súa estadía en prisión, Manuel atopou na escrita un xeito de fuxir. Nas cartas que redactaba aos seus familiares reflexionaba sobre o futuro, sobre a liberdade, e do amor pola humanidade en contraste co «salvajismo» dos que el chamaba «rufianes». Eses folios nos que Manuel baleiraba o seu xeito de comprender a vida poden consultarse hoxe no Vello Cárcere, onde tamén custodian unha foto súa camiñando pola rúa xunto ao seu irmán nos tempos da liberdade. 

Perfecto, o cura e os maquis

Perfecto Castro Martínez naceu en Viveiro e era carpinteiro de profesión. En agosto do ano 36 foi encadeado no Vello Cárcere por un «delito gubernativo». Según a historiadora María Xesús Souto, en marzo do 38 consta que foi posto en liberdade, pero puido quedar na rúa previamente.

Perfecto Castro foi asasinado no ano 49
Perfecto Castro foi asasinado no ano 49

Na liberdade de Perfecto quizais pesou a carta-informe que o cura de Santiago de Bravos, en Ourol, redactou no seu favor. Un texto no que daba fe de que non cometera delito previo algún ao tempo que o consideraba como «particularmente persona atenta y servicial».

Pero o pesadelo de Manuel continuou trala saída da prisión. Enrolouse na guerrilla antifranquista e en maio do 1949, trece anos despois da súa detención, morreu durante un combate coa Garda Civil. 

O enfermeiro que estivo en África

Natural de Guntín e enfermeiro de profesión, Manuel Jul Rodríguez botou pouco máis de mes e medio entre as paredes do Vello Cárcere. Entrou o 30 de setembro do 37 e o 14 de decembro foi fusilado. Como profesional, traballara no hospital de Santa María, que dirixía Rafael de Vega, tamén asasinado. Manuel, que estivera na guerra de África, fora fundador do partido político Izquierda Republicana. Un argumento, naquel intre, máis que suficiente para condenalo a morte.

Unha das cartas escritas en prisión por Manuel Rodríguez
Unha das cartas escritas en prisión por Manuel Rodríguez

Noventa anos despois, a súa familia descoñece onde foi asasinado Manuel e onde descansan os seus restos. Barruntan que poderían estar no Valle dos Caídos, pero non teñen confirmación. Igual que descoñecen o motivo das condecoracións que loce nunha das imaxes que conservan del. No seu caso, como no de moitos outros, os seus familiares tentan reconstruír a historia daqueles que perderon a vida a mans do franquismo.

Familiares de represaliados no Vello Cárcere entregan documentación de presos que retiveron no centro durante a ditadura

L.G.C.

O material pasa a forma parte dos fondos do centro

Familias de presos represaliados no Vello Cárcere fixeron este sábado entrega á concellería de Cultura de Lugo de documentación de persoas que estiveron presas no centro durante a ditadura franquista. Consiste en cartas de presos, algunhas escritas dende O Vello Cárcere, poesías e fotos, ademais dun documento que narra o proceso legal que se seguiu para enviar a un interno á cadea.

O material sumarase aos fondos do Vello Cárcere baixo o programa que leva o nome «A túa memoria». «Servirá para continuar a avanzar na lembranza de todas as persoas que foron represaliadas durante o franquismo, un dos obxectivos máis importantes do Vello Cárcere», explicou a concelleira Maite Ferreiro. 

Seguir leyendo

Votación
18 votos
Comentarios

«Queridísima madre, escribo estas letras para que sepáis soportar mi muerte»