Lara Méndez anuncia 85 novas prazas de aparcamento para o barrio da Residencia

lugo LA VOZ

LUGO

La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicando el carril bici a los vecinos de A Residencia
La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicando el carril bici a los vecinos de A Residencia ALBERTO LÓPEZ

Haberá cambios en varias rúas da zona para poder incrementar os lugares para aparcar vehículos

02 nov 2021 . Actualizado a las 21:47 h.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, mantivo esta tarde de martes un encontro coa veciñanza da Residencia para explicarlles, in situ, as alternativas ao proxecto do Carril Bici nesta parte da capital. 

Durante a xuntanza, que tivo lugar no Centro Social Leiras Pulpeiro para favorecer a participación da cidadanía, Lara Méndez avanzou ás e aos asistentes unha posible solución consensuada cos técnicos municipais que permitiría gañar 85 novas prazas de estacionamento na contorna. 

Antes de nada, a alcaldesa lembrou que a Senda Ciclista, financiada por fondos europeos, «é unha obra cun obxectivo finalista, polo que a súa paralización suporía a perda do financiamento e o risco de que nos penalicen a solicitude de novas actuacións», ao tempo que destacou o calado da iniciativa «moi ambiciosa e coa que pretendemos que Lugo avance para ser unha cidade moderna e europea, cunha nova mobilidade máis saudable e sostible xa que falamos de 14 quilómetros de senda que interconectarán 8 barrios entre si e os unirá co río percorrendo o Paseo do Miño, o Parque Rosalía, a Rolda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real, unindo  zonas deportivas e comerciais coa contorna fluvial. De maneira que tanto maiores como a mocidade e as crianzas poderán desprazarse en bicicleta para chegar a todas elas dunha forma segura». 

Nunha nova ocasión, a rexedora incidiu en que o Carril Bici «non foi concibido como unha alternativa de ocio, de paseo ou deportivo - como pode ser o do Rato - senón que esta será a primeira rede que se crea en Lugo para que os e as lucenses a utilicen nos seus desprazamentos diarios polo que resulta fundamental crear itinerarios seguros que foron deseñados baixo criterios estritamente técnicos nos que se tivo en conta toda a normativa así como o Plan de Mobilidade municipal», insistiu. 

«É dicir, o seu trazado e características non son froito da improvisación, senón dun estudo exhaustivo da cidade no que primou a seguridade tanto das e dos ciclistas como a dos peóns para determinar que zonas contarán con carrís segregados e cales con vías de coexistencia de tráficos», sostivo Méndez. 

Proposta aos veciños

E a este respecto referiu que «logo de avaliar xunto ao persoal municipal a configuración urbanística da zona, achegamos unha proposta que consistiría en facer unha serie de pequenos cambios co repintado da sinalización na Avenida Breogán, o que permitiría xerar 192 prazas onde actualmente hai 144, ás que cómpre engadir as 14 que xa se habilitaron na rúa Pomar, as 16 do novo parking en Alcalde Francisco Lamas e outras 7 na rúa da Saúde, até un total de 85 ? resumiu ? a parte de estudar as que poderán construírse posteriormente coa urbanización do Centro Integral de Saúde». 

Méndez anunciou que, entre as principais modificacións que experimentaría a circulación na contorna, destaca a supresión dun carril de baixada, en dirección á N VI, dende a rúa Alcalde Francisco Lamas até a rúa Orquídea para permitir que se habiliten novos estacionamentos en espiga nas marxes da vía. 

Igualmente e, co mesmo obxectivo, dende Xoan Carballal e até a rúa do Concello procedería a suprimirse un carril en cada sentido de circulación mentres que dende este punto e até a entrada do CEIP Menéndez  Pelayo, manteríanse os dous carrís da esquerda e anularíase un da dereita.

La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicando el carril bici a los vecinos de A Residencia
La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicando el carril bici a los vecinos de A Residencia ALBERTO LÓPEZ

«Falamos dun tramo de 535 metros nos que, logo da restruturación, habería 48 prazas de aparcamento máis para que a veciñanza das inmediacións poida deixar alí os seus vehículos. Sabemos que a creación do Carril Bici obrigará a un cambio de hábitos a algúns veciños e veciñas xa non poderán deixar o seu coche onde o facían agora exactamente mais garantimos a existencia de dotacións para que poidan facelo nas proximidades, xa que, en total, en todo a Residencia só se perden 35 prazas», puntualizou a rexedora. 

Nesta, que foi a segunda vez que o goberno local, sensibilizado coas preocupacións da veciñanza, acudiu ao barrio para abordar ás súas inquedanzas ao igual que fixo en Marqués de Ombreiro, Lara Méndez recordou que o pasado 2 de setembro o Concello abriu os dous aparcadoiros alternativos que se construíron nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, cun investimento de 171.000 € e con capacidade para 69 vehículos. 

«En total, a implantación da senda ciclista supuxo até o de agora a creación de 174 novas prazas xa que outras 57 se habilitaron co repintado en batería ou espiga en Río Mandeo, Amizade, Rolda do Carme e Mestre Soutullo», referiu Méndez.

A actuación do Carril Bici, así como a creación dos aparcadoiros alternativos na Residencia e O Castiñeiro se enmarcan na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, e ao 20% polo Concello de Lugo.