A Deputación e os comercios de Lugo ofrecerán bonos de desconto

la voz LUGO

LUGO

José Tomé e Josá María Seijas presentaron a campaña
José Tomé e Josá María Seijas presentaron a campaña CEDIDA

A institución provincial promove unha campaña de apoio aos comerciantes con sorteos semanais desde o 15 de novembro

03 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes no Pazo de San Marcos, xunto ao presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, a campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo, que ten como obxectivo incentivar as vendas no comercio de proximidade da provincia de Lugo.

A Deputación de Lugo achega 50.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Federación de Comercio de Lugo para sacar adiante esta iniciativa que, «unha vez máis, ten como obxectivo poñer en valor a calidade do noso comercio local, a calidade e a atención que ofrecen as tendas dos nosos barrios e das nosas vilas, destacar o seu peso fundamental na economía e no emprego, e incentivar as vendas nesta recta final do ano da volta á normalidade», subliñou o mandatario provincial.

«Premiaremos con descontos aos clientes que confían no comercio local facendo as súas compras neste tipo de establecementos e, ao mesmo tempo, buscamos incentivar as compras nas tendas físicas, especialmente agora nos meses de novembro e decembro cando o comercio de sempre se ve máis afectado por campañas en Internet e por campañas impulsadas nas grandes superficies», indicou.

A campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo nace da estreita colaboración da institución provincial co comercio, e así o explicou o mandatario provincial. «Esta campaña é un novo froito da relación de colaboración que mantemos co tecido asociativo do comercio da provincia de Lugo, e que reforzamos aínda máis dende o inicio da pandemia con diversas medidas enmarcadas no Plan de Impulso da Economía da Provincia».

Tomé Roca convidou á veciñanza a participar porque «o consumo máis responsable que podemos facer cada un de nós é facer as nosas compras nos pequenos negocios, que nos ofrecen calidade, atención personalizada, que crean emprego, e que dan vida e manteñen a identidade dos nosos barrios e das nosas vilas e cidades».

Sorteos de 1.000 bonos

Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo desenvolverase a partir do 15 de novembro e durante o mes de decembro. Consistirá no sorteo de bonos de consumo de 30 euros cada un para gastar nos 5.500 establecementos comerciais minoristas da provincia de Lugo, seguindo a estratexia dos Bonos Impulso da Deputación, xa que resultaron ser un éxito.

«Tanto os comerciantes, como os consumidores estiveron moi receptivos e fixeron compras que  superaron as expectativas, polo que agora repetimos cunha fórmula semellante», subliñou o mandatario provincial.

Os consumidores participan nos sorteos ao realizar as súas compras feitas no comercio local por un importe mínimo de 10 euros. Celebraranse sorteos semanais para repartir un total de 1.000 bonos para investir nos negocios da provincia, «o que supón poñer en circulación 30.000 euros en premios polas compras feitas no comercio local», subliñou o presidente. Á vez, a campaña terá unha importante parte de difusión e de publicidade para animar as vendas entre a sociedade.

Apoio ao pequeno comercio

O presidente da Deputación destacou que a institución colabora dende xa hai anos coa Federación de Comercio en programas e accións para visibilizar a calidade do sector, e para incentivar as compras no comercio de proximidade da provincia. Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo «é unha acción máis dentro desta continua colaboración cun sector que é fundamental para a provincia, que sostén máis de 20.000 empregos e que representa en torno ao 13 % do PIB da nosa provincia», subliñou.

Puxo de exemplo diferentes medidas que a institución puxo en marcha nos últimos meses para apoiar a recuperación sostible dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias,  sobretodo o comercio, a hostalería e o turismo. Entre elas, citou a importancia dos Bonos Impulso, cos que se inxectaron 1,5 millóns de euros no comercio e na hostalería co reparto de 17.000 bonos de 30 euros para comp ras de importe igual ou superior aos 60 euros. Tamén lembrou o éxito do Saborea a tú a provincia que se celebrou no verán e onde se incentivou o consumo de produtos autóctonos, e o Coñece a túa provincia, que está en marcha e que ten unha importante repercusión no comercio local.

Así mesmo, lembrou que a Deputación vén de lanzar o Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, que consiste nunha formación e asesoramento gratuítos para axudar a pemes e autónomos a mellorar o seu negocio coa dixitalización.