la voz
O BNG proporá ao pleno provincial da Deputación de Lugo un cambio na denominación da Granxa Gayoso Castro, retirando da nomeclatura deste complexo de titularidade provincial o nome de quen fora presidente da Deputación de Lugo durante o franquismo.
O voceiro nacionalista e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, explicou que se trata de avanzar na retirada de recoñecementos e honras ao franquismo, como xa se fixo cos cadros dos presidentes da Deputación durante o ditadura que colgaban dos corredores do Pazo de San Marcos.
«A pesares dos anos transcorridos dende a aprobación da Lei de Memoria Histórica, aínda e necesario remover nas institucións os recordos que nos remiten a época da ditadura franquista. A día de hoxe, e despois da retirada das paredes dos corredores do Pazo de San Marcos dos cadros dos presidentes da institución nomeados polos dedos dos partícipes no golpe de Estado e na posterior ditadura militar, aínda continúa a empregarse o nome dun deles, Gayoso Castro, para referirse a granxa da Deputación», expuxo Efrén Castro, defendendo que «as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron porque iso contribúe a branquear e lexitimar a ditadura, algo inaceptable nunha sociedade democrática».