Galicia no tempo

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

26 oct 2021 . Actualizado a las 16:53 h.

Só os moi maiores lembramos aquel acontecemento de hai trinta anos, Galicia no tempo, que marcou un antes e un despois nas exposicións de arte en España, percorría a arte galega desde os castros ata a orfebrería do século XX, e fixo que a Santiago acudiramos visitala máis de 400.000 persoas. Daquela soubemos que para unha gran exposición podían erguerse muros dentro de igrexas e catedrais, construir pedestais e rampas, e conformar espazos incribles ao servizo da cultura. Todos os anos lembro aquel feito para laiarme de que en Galicia, cun riquísimo patrimonio documental, monumental e estatuario, non se organice unha manifestación anual para coñecer mellor o que posuimos, divulgalo e facer que o turismo a Galicia acuda tamén pola nosa excepcional riqueza artística.

A razón de volver anualmente a este tema é a peregrinaxe que en familia nos temos imposto desde hai tempo a Las edades del hombre, serie de anuais exposicións das que se está a celebrar a XXV, para divulgar o patrimonio relixioso de Castela-León. Esta edición celébrase en Burgos, Carrión de los Condes e Sahagún, en pleno Camiño Francés a Compostela, e cada vez que entro nunha destas sedes sinto un tremendo comezón interior por non facer aquí algo así, aproveitando os sete ou setenta Camiños de Santiago, e que polos Camiños entraron en Galicia todas as artes de Europa cara a Compostela. Las Edades del hombre levan máis de once millóns de visitantes ensinando patrimonio, restaurando patrimonio, potenciando patrimonio, implicando dous arcebispados e nove bispados, de Astorga a Valladolid, de Burgos a Segovia, conquistando o mundo. E nós, aquí, «a velas vir».