O BNG reclamará na Deputación un acordo para que se constrúan as autovías pendentes de Lugo

la voz LUGO

LUGO

Pleno de la Diputación de Lugo de octubre del 2020 en San Marcos
Pleno de la Diputación de Lugo de octubre del 2020 en San Marcos Óscar Cela

Busca unha resolución parecida á que aprobou por unanimidade o Parlamento galego

21 oct 2021 . Actualizado a las 14:59 h.

O BNG presentará ao vindeiro pleno provincial do vindeiro martes 26 de outubro unha moción en demanda dunha mellora do investimento previsto polo goberno do Estado para as estradas e autovías da provincia en 2022.

Desde o grupo nacionalista sinalan que na proposta de orzamentos presentada polo executivo de PSOE e Unidas Podemos, as autoestradas da provincia só aparecen simbolicamente, confirmándose e incrementándose novamente os retrasos que viñan acumulando infraestruturas clave para a mobilidade na Mariña e na Galiza interior, como a A-74/Autovia da Mariña, a A-56 entre Lugo e Ourense ou a A-54 entre Lugo e Santiago.

Engaden os nacionalistas, que gobernan co PSOE na Deputación que, no relativo ás estradas, só se completan unhas partidas económicas xenéricas para «conservación de estradas» e «obras de seguridade vial» claramente escasas e pouco claras.

Fronte a estas previsións, o BNG pedirá o apoio da corporación provincial para que a proposta do goberno do Estado se mellore antes da súa aprobación no Congreso. Concretamente, segundo explicou o voceiro provincial, Efrén Castro, a moción que se presentará a debate propón reclamar que se prioricen a A-74 e a A-56, retomando a súa execución e propiciando que se poidan acurtar os prazos das obras e licitar no 2022 o tramo que se corresponde co intercambiador que unirá a A-54 coa N-540.

Tamén demandan que se inclúan nos orzamentos as cantidades necesarias para melloras nas estradas estatais, contemplando expresamente a rexeneración do firme nos treitos en peor estado.

O debate das peaxes

O voceiro nacionalista advertiu tamén «da ofensiva de cargos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para tratar de convencernos de que pra mellorar as estradas non hai máis solución que cobrar polo seu uso». Efrén Castro reiterou o rexeitamento do BNG a esta proposta «antisocial que prexudica ás traballadoras e traballadores e que incrementa os agravios comparativos de Galiza co resto do Estado, ante a falta de sistemas de mobilidade alternativos».