Mutua incomprensión

María L. Sández LUGO

LUGO

12 oct 2021 . Actualizado a las 18:51 h.

Hai un cambio de paradigma no que atinxe ao xeito no que convivimos cos animais. Unha asturiana está a facer o camiño de Santiago coas cinzas da súa cadela na mochila e o artista lucense Diego As estrea, no campus de Lugo, unha nova intervención que reproduce a cabeza dun can.

Son só dúas novas que atopamos estes días nos xornais. A fenda entre os que detestan os cans ou lles teñen medo ou noxo e aqueloutros que os adoran e non comprenden nin o medo nin o rexeitamento é insalvable. De feito, existe aínda un terceiro grupo, integrado por aqueles que conviviron cos cans nunha cultura tradicional que lles daba o seu lugar, no que cumprían diversas funcións e comían as sobras, e que están aínda máis lonxe que os primeiros de comprender á peregrina. Para estes últimos, a idea de «especismo» é directamente ridícula. Baixo a tautoloxía de que unha persoa é unha persoa e un can é un can, ven sacrílego que se lle preste ao pasamento dun animal a dimensión ritual que as relixións só reservan para os humanos.

Ter estado en dous dos bandos ofréceme certa perspectiva: pasei de terlles medo aos cans (e de restrinxir percorridos ou actividades por ese medo) a convivir cunha cadela pola que me imaxino atravesando un proceso de dó como o da peregrina a Santiago. Agora empatizo con esa muller doída pola perda, que sente a incomprensión dos outros; mais entendo, porque tamén o sentín, a quen sofre cando albisca un can.

O mundo está moi necesitado de empatía. É o único que pode evitar o conflito, nisto coma en calquera outro tema. E, para cultivala, non se me ocorre mellor cousa ca ler. Eu sufrín con Buck ou entendín o amor do principiño polo raposo antes de convivir e de querer a Chispa. Lean «Se e fose autor», de Castelao; mais tamén «O mellor amigo dun rapaz», de Isaac Asimov. O primeiro fala de animais e clases sociais; o segundo de futuro, de intelixencia artificial e de amor a un can.