O PP de Lugo leva á Valedora do Pobo que non se lles permitise entrar nas novas oficinas de Santa María

la voz LUGO

LUGO

Os populares Javier Castiñeira e Óscar Poy diante da sede da Valedora do Pobo
Os populares Javier Castiñeira e Óscar Poy diante da sede da Valedora do Pobo CEDIDA

Acusan ao goberno da Deputación de intentar conculcar os dereitos dos deputados da formación máis votada

06 oct 2021 . Actualizado a las 12:09 h.

O grupo do PP na Deputación de Lugo, por segunda vez neste mandato, buscan o amparo da Valedora do Pobo, por considerar que se «vulneran de forma grave os seus dereitos e, con eles, os dereitos dos administrados a que a oposición poida levar a cabo o traballo de fiscalización do goberno que lle encomenda a lei». O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, e o deputado Óscar Poy acudiron á oficina da Valedora do Pobo para presentar un escrito «pola negativa que deu o goberno bipartito da Deputación de Lugo a deixarnos entrar nas instalacións de Santa María, recentemente inauguradas; alí están servizos como Recadación, o departamento de Cooperación cos Concellos, Medio Ambiente, e outros servizos máis».

Castiñeira sinala: «Esta negativa do goberno provincial é un atentado contra os dereitos dos deputados e contra os dos traballadores, porque esa negativa afectou a un traballador da Deputación. Incomprensiblemente o goberno da Deputación intenta silenciar ao Partido Popular». E engadiu o voceiro popular: «A pesar de ser o PP a formación máis votada nas anteriores municipais, os perdedores decidiron facer goberno e a oposición tócalle ao PP; e esa é a labor que levamos facendo varios anos e a que seguiremos facendo e non imos deixar que ninguén nos coarte neste traballo».

Castiñeira afirma que o seu grupo quere saber cal é a opinión de todos os traballadores e dos equipos que desempeñan a súas funcións nas instalacións do antigo fogar de Santa María. «Iso era o que pretendía facer o PP, xa que non foi invitado á inauguración; ao día seguinte negóusenos a posibilidade de facelo pola nosa conta».

Castiñeira avisa de que o PP non permitirá exercer ao socialista José Tomé «esta lamentable actitude ditatorial, especialmente cando se coartan dereitos; polo tanto, vémonos obrigados a presentar unha queixa máis diante da Valedora do Pobo e lamentamos ter que chegar a este punto».