Un pequeno paso para a muller

LUGO

06 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O centro gravitatorio do cosmos da prensa está ocupado pola política, o deporte e os sucesos; arredor dese punto orbitan outros astros menores, cos seus propios satélites, entre os que se atopan as noticias científicas, e, dentro destas últimas, sobrancea, como unha pequena lúa de especial fulgor, o mundo das novas espaciais. As viaxes turísticas ao espazo están gañando unha respectable cota de atención, ensombrecida polas desigualdades sociais e polo consumo enerxético (tamén astronómico) e o seu inevitable impacto medioambiental. Mais hoxe quero centrarme na cuestión que nos formula o proxecto Artemis, sen dúbida moi interesante: trátase de pór a primeira muller na lúa en 2024 e que esta contribúa a planificar un posterior asentamento.

Nos anos 80, Carl Sagan seduciu a millóns de espectadores coa súa serie Cosmos. A ficción científica de expansión espacial conforma un xénero de seu, con millóns de seguidores (entre os que me conto) fascinados polos soños do que pode constituír o futuro da humanidade. Sabemos que a pervivencia da especie a longo prazo pasa, necesariamente, por ir alén deste primeiro noso fogar e que a humanidade, que foi sempre nómade, tende á expansión e a deixarse fascinar polos novos horizontes. A literatura imaxinou as dificultades deste proceso, proxectando no universo o que xa aprendemos da expansión colonial e facéndonos ver as complicacións éticas e estéticas que pode traer consigo a intelixencia artificial.

O futuro do ser humano é o ciborg. Polo de agora, abonda con imaxinar ese primeiro paso dunha muller na lúa. Confórtame que elixisen para a misión o nome da deusa da sabedoría e non a que desde a escolla de París se impuxo como modelo feminino. Permítanme parafrasear a Neil Armstrong: será un pequeno paso para a muller, mais un gran paso para a igualdade. E, daquela (podemos mantelo literal), un grande paso para a humanidade.