Os recortes educativos da Xunta na Montaña lucense

Adela Soler Quiroga BUZÓN DEL LECTOR

LUGO

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As familias que compartimos centros educativos na comarca dos Ancares queremos facerlles chegar a nosa indignación e preocupación polos recortes educativos que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia está realizando nos colexios e no Instituto de referencia da nosa contorna.

O último e grave foi a orde que a Consellería de Educación, por vía da Xefatura Territorial, cursou a través do Servizo de Inspección indicando que no IES de Becerreá se debían suprimir algunhas  materias que se impartirían no curso que comeza con menos de 5 alumnos/as. Esta decisión supón a desaparición de Francés (materia específica) de 3º e 4º da ESO, así como dos dous  cursos de Bacharelato, pese a ser unha materia da que o alumnado se pode examinar na ABAU  (Selectividade) e que ten a máxima ponderación posible nesa proba de acceso aos  estudos de grao: 0,2.

Todo isto sucede aínda contando con profesora de francés  con destino e horario suficiente para impartir esta materia en todos os  cursos da ESO e do BAC.  

É, polo tanto, unha decisión sen ningunha lóxica, nin sequera se se quixera argumentar dende o punto de vista orzamentario, pois non existe ningún aumento de persoal que poida xerar algún “gasto”, aínda que en educación nunca se debe escatimar o investimento.

Os principais damnificados somos as familias e o alumnado matriculado nas materias non autorizadas que terá que  pasar a cursar outras da mesma categoría que a suprimida, reducindo o grao de  optatividade ofrecido pese a dispoñer de profesorado o Instituto para asumir un maior abanico de  opcións e materias. Tendo en conta, ademais, que a materia suprimida viña sendo cursada dende cursos anteriores e ese alumnado confiaba en poder seguir cursándoa sen ningún problema.

É esta, de novo, unha medida moi inxusta para os centros rurais, deixando en clara desvantaxe aos nosos fillos e fillas fronte  ao a dos grandes centros urbanos. 

É un desprezo para o conxunto do profesorado do Instituto que recibe esta decisión a piques de comezar o novo curso e ve alterada a normalidade con que debería ter comezado por unha decisión arbitraria da Consellería.

En definitiva, esta decisión atenta contra o que debería ser un ensino público de calidade, con igualdade de oportunidades independentemente de que se trate dunha contorna rural. Atenta contra a libre elección do alumnado e das familias do ensino que desexa cursar.

É unha medida que, unha vez máis, atenta contra a posibilidade de vivir no rural, nos Ancares, reducindo servizos, reducindo posibilidades, reducindo medios.

Por todo, isto, como familias implicadas na educación dos nosos fillos e fillas e na vida nesta comarca, solicitamos que o Concello actúe diante dos responsables desta decisión para solicitarlles unha rectificación desta decisión.

Agardando a súa resposta, saúdos atentamente…