Caballero reclama en Navia «unha nova política de vertebración territorial»

la voz LUGO

LUGO

Caballero en Navia con alcaldes e concelleiros socialistas da montaña de Lugo
Caballero en Navia con alcaldes e concelleiros socialistas da montaña de Lugo CEDIDA

O líder dos socialistas galegos mantivo un encontro cos alcaldes da montaña lucense

21 sep 2021 . Actualizado a las 20:30 h.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe nunha visita a Navia de Suarna que «é hora de que Feijoo pase páxina do seu abandono do rural e de que a Xunta entenda que é necesaria unha nova política de vertebración territorial». 

Así o dixo Gonzalo Caballero no transcurso dunha visita a Navia de Suarna xunto co alcalde da localidade, José Fernández, dende onde reivindicou un goberno «que coide do territorio» e que «garanta cunha carta de cidadanía os mesmos dereitos para todos os galegos e galegas con independencia de onde vivan». 

Así, o líder dos socialistas galegos reclamou unha «nova política de vertebración que afecte ao rural». «Non pode ser, engadiu, que con Feijoo cada mes haxa menos servizos públicos no rural, que se debiliten a sanidade e a educación públicas e que isto afecte sobre todo aos concellos do interior». 

«Non pode ser», incidiu Gonzalo Caballero, que a Xunta de Galicia «non busque mecanismos para xerar emprego ou para coidar o territorio, nin para dar sanidade e educación públicas no rural en igualdade ás cidades de Galicia».

Ao fío disto, o responsable do PSdeG presentou Navia como exemplo do recortes na sanidade pública por parte do goberno galego, nun concello que perdeu efectivos sanitarios ata quedar na actualidade con tan só un médico. 

Fronte a isto, Gonzalo Caballero reivindicou que «é necesario un goberno progresista en Galicia que apoie ao medio rural e defenda a sanidade e a educación públicas para todos os concellos de Galicia, cunha política de xeración de emprego que chegue a todo o territorio e dea oportunidades de vida aos galegos e galegas que viven nos concellos do interior».

Na súa visita á provincia de Lugo, Caballero, en clave interna de partido e coa vista posta en seguir mantendo a Deputación de Lugo no futuro, reuniuse cos alcaldes de Navia, A Fonsagrada, Cervantes e Pedrafita e con voceiros e voceiras municipais para referendar o compromiso socialista cunha carta de cidadanía que garanta igualdade de dereitos no rural.

O caso de Navia de Suarna

No que atinxe a Navia, o alcalde da localidade, José Fernández, puxo o acento na situación das infraestruturas do interior, con estradas que «levan tempo abandonadas e necesitan investimento e apoio das institucións».Salientou ademais os problemas de conexión móvil e de internet nos concellos do interior, onde as telecomunicacións teñen enormes problemas de conexión.