Os museos provinciais de Lugo ofrecen decenas de actividades para os centros educativos

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do programa de actividades didácticas
Presentación do programa de actividades didácticas

Haberá propostas virtuais e presenciais no Museo Provincial, San Paio de Narla, Pazo de Tor e no Museo do Mar

15 sep 2021 . Actualizado a las 11:09 h.

A Rede Museística Provincial presentou unha programación destinada aos centros educativos para o curso escolar que comeza. Os departamentos de didáctica dos catro museos que compoñen a Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor) crearon esta programación adaptada á situación sanitaria, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais.

O obxectivo principal desta programación é achegar, un ano máis, o patrimonio conservado nos museos ao alumnado a través dun conxunto de actividades caracterizadas polo seu compoñente educativo, lúdico e multicanle. A programación está enfocada á participación escolar, cunha perspectiva dinámica, divertida e que resulte de interese tanto ao profesorado como aos alumnos e alumnas.

Na presentación, na que participou o persoal do departamento de didáctica dos catro museos, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou «o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer os recursos patrimoniais que se conservan nestes espazos para aproveitamento e aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas».