O primeiro Encontro de Zanfonas encherá Lugo de música tradicional

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do Encontro de Zanfonas
Presentación do Encontro de Zanfonas CEDIDA

A cita terá lugar os días 17, 18 e 19 con obradoiros, concertos e cantos de cego

15 sep 2021 . Actualizado a las 10:21 h.

O primeiro Encontro de Zanfonas encherá as rúas de Lugo de música tradicional, da man de obradoiros, concertos e cantos de cego. A cita, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas, coa colaboración da área de Cultura do Concello, terá lugar os días 17, 18 e 19.

Este encontro nace co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor á zanfona, facendo protagonista do encontro á súa música, ás escolas existentes no país, os cantos de cego e as novas propostas existentes coa zanfona, dentro do panorama actual da música tradicional galega.

Desde a organización explican que «a música tradicional galega representa un patrimonio cultural inmaterial considerado por moitos estudosos e estudosas un dos máis ricos de Europa, tanto en calidade como en cantidade e variedade. Unha parte importante desa riqueza debémoslla a multitude de persoas que dedicaron a súa vida a traballar na conservación e difusión da nosa cultura a través dos seus traballos, pero non podemos esquecer que a parte fundamental desa riqueza debémoslla a todas as persoas que ao longo dos séculos souberon preservar e transmitir a nosa riqueza cultural e que grazas ao amor pola nosa terra e pola nosa cultura deixáronnos un legado de valor incalculable».

No acto de presentación estivo Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola; Xaneco Tubío, presidente da AGG, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura.

Venres 17

Actuacións de rúa (casco vello) entre as 18.30 e as 20.30 horas

- O cego e o criado

- Os cegos da veneira

Tundal actuará na Praza da Soidade
Tundal actuará na Praza da Soidade ALBERTO LÓPEZ

Concerto na Praza da Soidade ás 20.30 horas

- Tundal

Sábado 18

Concerto didáctico para nenas e nenos na Praza da Soidade ás 12.00 horas

- Luís Caruncho e Chus Foliqueira

Miro Casabella ofrecerá un concerto o sábado
Miro Casabella ofrecerá un concerto o sábado

Concerto na praza da Soidade ás 13.00 horas

- Miro Casabella

Actuacións de rúa (casco vello) entre as 18.30 e as 20.30 horas

- O cegho de Matamá e Aldariña de Candeán

- Escola cultural municipal de zanfona de Narón

- Zanfoneiros da Tradescola

Concerto na praza da Soidade ás 20.30 horas

- Pärbo

Domingo 19

Monifates participará nas actuacións de rúa
Monifates participará nas actuacións de rúa MARCOS CREO

Actuacións de rúa (casco vello) entre as 11.30 e as 13.30 horas

- Monifates

- Grupo de zanfonas da EIPG de Suso Vaamonde

Aula aberta de Zanfona entre as 12.00 e as 13.00 horas

- Aula de Germán Díaz con alumnado da Tradescola

Concerto na Praza da Soidade ás 13.00 horas

- Obal

O programa, ao detalle

O Encontro comezará na xornada do venres con actuacións de rúa polo casco vello da man dos Cantares de Cego, o Cego e o Criado e dos Cegos da Veneira.

Cantares de cego trata de recrear as actuacións que facían as tradicionais personaxes dos cegos polos pobos e aldeas galegas. Con Oli Xiráldez como Cego e Gustavo Couto como Criado, interpretan romances, crimes, mitos e historias recollidas na nosa tradición, pero van un pouco máis lonxe. Aportan un toque de humor ao que foi este duro oficio na antigüidade. Neste espectáculo, ademais de coñecer como se comunicaban as novas antes da radio, televisión e Internet, tamén haberá momento para cantar, bailar e brincar.

Os Cegos da Veneira chegan dende a montaña do sur lugués, un dúo de músicos ambulantes formados por Xosé Maceda e Xián Herrera, para cantar e contar historias do pasado e do presente.

Tamén o venres, xa á tardiña, contaremos co concerto de Tundal na Praza da Soidade, grupo lugués de música tradicional que leva no seu repertorio música cantada e instrumental para o baile, romances e inclúe tamén no seu repertorio músicas propias ou doutros autores sobre poemas da nosa literatura.

Compoñen Tundal X. L. Ansemil (percusión e voz), Antón Castro (zanfona e voz), Manolo Darriba (acordeón e voz), Miguel D. Valdés (clarinete e voz), Xan Fuertes (guitarra, violín e voz), e Pedro Lucas (gaitas, frautas e voz).

Xa na mañá do sábado, na Praza da Soidade contaremos cunha actividade para nenas e nenos, na que tamén poderán participar as súas familias, un concerto didáctico onde coñeceremos non só á zanfona, senón a outros instrumentos da nosa música tradicional que a acompañan. Este concerto estará impartido por Luis Correa e Chus Foliqueira, e seguidamente, tamén na Praza da Soidade, terá lugar o concerto de Miro Casabella, considerado pola crítica coma o máis relevante dos cantautores galegos, que formou parte do grupo Voces Ceibes. Miro ten actuado por toda Galicia, País Vasco, Cataluña, Madrid, Valencia... así como en Alemaña, Francia, Bélxica, Canadá... A súa voz cálida e potente, con varios rexistros de riqueza notable e inconfundible é sen dúbida a voz do seu país. O cancioneiro de Miro Casabella ofrece un percorrido moi completo pola literatura galega, o cancioneiro popular, os romances e a poesía dos séculos XIX e XX, alén de composicións propias.

Xa na tarde do sábado, contaremos coas actuacións de rúa do Grupo de zanfoneiros da Tradescola, formado na escola que xestiona a AGG na cidade de Lugo, o Cegho de Matamá e Aldariña de Candeán que levan xa varios anos percorrendo as feiras e rúas da nosa terra coas súas cantigas e romances onde non faltan a retranca e o saber popular. Empregando nos seus percorridos a ancestral zanfoña acompaña de diversos instrumentos da nosa tradición como cunchas pandeireta pandeiro.....

E tamén participará a Escola Cultural Municipal de Zanfona de Narón, unha das primeiras escolas de zanfona de Galicia. Nas aulas búscase o dominio de tódalas posibilidades do instrumento dende a partida da música tradicional galega, pasando por músicas de outros paises con tradición en zanfona do continente europeo.

As aulas están abertas para persoas dende os 8 anos, calqueira que sexa o seu nivel e son impartidas polo mestre Óscar Fernández.

Para rematar a xornada do sábado, haberá o concerto de Pärbo, ensemble exigüo de músicas contempo-devanceiras formado por Begoña Riobó (violín, harpa céltica e voz) e por Anxo Pintos (zanfona e 2º violín), que camiña co centro de gravidade ben asentado na música patrimonial de Galicia.

Xa na xornada do domingo, os encargados de achegarnos a música á rúa serán Os Monifates, un peculiar carromato tirado por dous músicos ambulantes (Alberto Millán e Xosé Piñeiro “Nebra”) que percorren vilas e pobos cunha importante misión, a de amosar a rica e variada música e instrumentación da cultura galega, nun formato distinto e orixinal. Nas súas viaxes fóronse sumando os máis diversos e peculiares bailaríns (monicreques), integrando así música e monicreques nun espectáculo pensado para toda a familia, marabillándonos coas historias das súas personaxes.

Tamén acompañarán cos sons da zanfona a Escola de Instrumentos Populares Galegos “Suso Vaamonde”, que nace no ano 2013 en Cuntis (Pontevedra) e hoxe atópase en Bemil (Caldas de Reis). Unha das seccións máis importantes desta escola, dende un primeiro momento, foi a Agrupación de Zanfonas. Na actualidade, está formada por dez alumnos. Esta agrupación ten participado en varios eventos relacionados coa zanfona, e como grupo convidado en festivais musicais organizados por outras asociacións e entidades públicas. O seu repertorio consta fundamentalmente de temas populares instrumentais, tamén de temas populares cantados, e incluso de arranxos de temas clásicos galegos.

E pechando a xornada do domingo, contarase co concerto de Obal, que trae a súa música dende as Rías Baixas. Dende os seus comenzos no inverno do 2015, a música folk e a danza unense para Obal, seguindo unha corrente en auxe en Europa, o «bal-folk». Está formado por Diego Langarika, Jaime Rebollo e Iván Costa, tres músicos cunha longa traxectoria na música tradicional e folk en Galicia, e que na actualidade forman parte da Orquestra Folk SonDeSeu. Son formados por recoñecidos músicos do universo folk e lévalles a explorar agora ritmos das mùsicas centroeuropeas, asì como pezas de propia composición. Bourreé, scottish, circasian, chapeloise, muñeira, an-dro, ou mazurka son só un exemplo dos ritmos que forman a sua palestra de músicas. Mediante instrumentos coma o bouzouki, a zanfona e a nickelharpa en principio tan distantes entre sí, establecen unha conversación co baile.