A festa de San Isidro da Milagrosa reunirá a corenta expositores

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A presentación da feira celebrouse no salón de plenos do Concello
A presentación da feira celebrouse no salón de plenos do Concello CEDIDA

Música, degustacións e premios darán forma á tradicional cita, que este ano se celebrará nun formato máis reducido

13 sep 2021 . Actualizado a las 13:40 h.

A tradicional Feira do Campo e da Artesanía de San Isidro, que cada ano (desde hai 24) se celebra no barrio da Milagrosa de Lugo, reunirá esta fin de semana a corenta expositores. Música, degustacións gastronómicas e premios darán forma á festa, que este ano se celebrará nun formato máis reducido, debido á pandemia.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García, e o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, presentaron este luns unha nova edición da tradicional Feira do Campo e Artesanía de San Isidro da Milagrosa. A cita terá lugar durante esta fin de semana (os días 17, 18 e 19) na Praza da Milagrosa.

Programa

O programa da feira inclúe actuacións musicais e charangas, degustación de produtos autóctonos e a entrega dos premios memorial José Carballido aos cinco stands máis visitados da fin de semana.

Jesús Vázquez afirmou que o San Isidro da Milagrosa se está a converter na «feira urbana por excelencia, de Lugo e de Galicia».

Lara Méndez explicou que «por mor da situación sanitaria a cita tivo que pospoñerse varios meses e, por segundo ano consecutivo, terá que reducir o número de stands. Porén, pese a contar cun formato máis reducido, volverá a ser un evento dinamizador da economía local artesá e dos produtos rurais nun dos barrios máis senlleiros de Lugo», sinalou.

A rexedora avanzou que «durante toda a fin de semana, corenta vendedores de toda Galicia e de Oviedo achegarannos os seus produtos de primeira calidade, nunha praza que xa é punto de encontro para pequenos e maiores e un dos principais lugares de reunión interxeracional da cidade».

Neste senso, Lara Méndez animou aos veciños e veciñas a participar nesta nova edición da feira e gozar da programación de actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que se realizarán seguindo os protocolos covid-19.

Pola súa parte, García Porto, agradeceu á asociación «a honra que supón ser a pregoeira da Feira de San Isidro nesta edición do ano 2021», destacando a súa relación «estreita» coa Milagrosa, «de colaboración profesional ao longo de moitos anos, pero tamén unha vivencia persoal ligada á miña infancia, con familiares que aínda hoxe residen neste barrio lucense tan senlleiro».

García Porto asegurou que se trata dunha feira que «promove a artesanía e os produtos do rural, e coa a que a Deputación vai colaborar de novo cedendo lotes de produtos de proximidade, de alta calidade, como parte das nosas iniciativas para favorecer aos pequenos produtores», unha filosofía que dá continuidade ao programa provincial Saborea a túa provincia, celebrado no mes de agosto por todo o territorio lucense.