Rosario Regueira, escritora: «Naquel país ao que vaias sempre es o emigrante, non te integran»

Paula Currás / M. G. LUGO / LA VOZ

LUGO

LAURA SAAVEDRA

A piques de presentar o seu novo libro, a lucense ve semellanzas entre a emigración de antano e a que se vive nestes tempos

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosario Regueira Cereijo (Taboada, 1958) leva anos loitando e escribindo a prol dos dereitos e liberdades das mulleres. Agora, tres anos despois da súa última novela, publica A viaxe das anduriñas, unha metáfora para falar sobre a emigración. Preséntase mañá (O Vello Cárcere, 20 horas).

—De que trata a súa obra?

— É unha historia de emigrantes e de emigración. A historia do pobo galego, que emigrou dende tempos remotos, e non porque tivera vocación aventureira senón porque non tivo máis remedio. As protagonistas son dúas mulleres, Mariloli, que emigra a Suíza nos anos 70, e Adamarli, que chega aquí dende Colombia a finais dos noventa. Ambas coinciden nun determinado punto e establecen unha relación de solidariedade entre dúas persoas que emigraron e saben o que iso supón.

—Entendo que as andoriñas son a metáfora perfecta para falar dos emigrantes.

— Efectivamente, son aves viaxeiras, migratorias... Veñen e van igual que moitos galegos e galegas ó longo da nosa historia.

—Viviu de cerca a emigración?

— No meu núcleo máis directo, non. Pero si emigraron algúns tíos, amigos... É un tema que creo que calquera galego ou galega coñece porque non lle queda máis remedio que coñecelo. Non creo que haxa ningunha familia en Galicia que non teña unha relación directa coa emigración.

—Supoño que esa repercusión na súa vida foi a que a levou a escribir esta novela

—Eu, cando escribo, non invento, recollo realidades e readáptoas a unhas circunstancias determinadas. Eu penso que as condicións nas que se emigrou e nas que se emigra actualmente non son tan distintas. Agora a xente que emigra pode ter unha cualificación profesional máis alta que a de hai corenta ou cincuenta anos, pero isto non quere dicir que non padezan as mesmas consecuencias deste feito: o desarraigo, o afastarte do teu entorno, da túa xente... Naquel país ao que vaias, sempre vas ser o emigrante. Abusarán de ti máis ou menos, pero non te integran, sempre es o emigrante.

—Sendo os galegos un pobo de emigrantes, aceptamos e temos maior conciencia sobre este feito que, por exemplo, outras partes de España?

— Creo que non, e é unha cousa que me doe. Os galegos somos un pobo emigrante, porque somos un pobo economicamente deprimido e socialmente maltratado. Temos que emigrar como consecuencia social, non porque teñamos unha vocación, e creo que isto non se reflicte. Eu non percibo que haxa moita solidariedade.

«A persoa que quedaba aquí padecía unha agonía dilatada»

Mentres que os homes cruzaban o Atlántico, as mulleres galegas viviron unha espera que en ocasións se volveu eterna.