O PP propón converter as escolas rurais lucenses abandonadas en casas de «coworking»

Lucía Blanco / L. G.

LUGO

A escola de Cabanas, na parroquia de Santa Comba, construíuse no ano 2009 pero está sen acabar e deteriorándose cada vez máis co paso do tempo.
A escola de Cabanas, na parroquia de Santa Comba, construíuse no ano 2009 pero está sen acabar e deteriorándose cada vez máis co paso do tempo. CEDIDA

Dende o partido propoñen darlle unha segunda oportunidade aos edificios e reclaman a apertura dos sete Centros de Dinamización

12 jul 2021 . Actualizado a las 16:23 h.

O Partido Popular de Lugo propón crear nas escolas abandonadas da zona rural casas de «coworking» dotadas de material informático que permitan as videoconferencias e «webinars». O concelleiro popular Manuel López explica que mediante esta iniciativa pretenden «apoiar a emprendedores e teletraballadores e así fixar poboación», á vez que se conserva o patrimonio do concello de Lugo, que conta actualmente con edificios en mal estado como é a escola de Cabanas «que cumpriría cos requisitos para acoller este novo espazo de traballo».

A maiores, os populares tamén solicitan que nos sete Centros de Dinamización se poñan novos equipos ou se actualicen os que xa hai. O edil do PP presentaba esta proposta despois de comprobar que nalgúns desde centros «hai equipos aparcados e aos que non se lles fai mantemento, como mínimo, dende que pecharon as escolas da zona rural».

Manuel López afirma que o que ocorre coas escolas do rural reflicte o «pasotismo do bigoberno e a política discriminatoria» cara ós veciños e veciñas destas zonas. Por este motivo, a formación pedirá explicacións en comisións para coñecer o número de ordenadores que hai, o estado dos dispositivos e os custes que supoñen o mantemento do ADSL nestas instalacións así como tamén esixirá que se detalle en cales delas se presta verdadeiramente este servizo.