A Deputación defende na xornada Somos Biosfera o compromiso provincial co medio ambiente

Paula Currás / M. G. LUGO/LA VOZ

LUGO

El Miño a su paso por Lugo
El Miño a su paso por Lugo ALBERTO LOPEZ

Pilar García Porto, Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, incidiu na importancia do equilibrio entre o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico

03 jul 2021 . Actualizado a las 11:44 h.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na inauguración do encontro dixital Somos Biosfera-Terras do Miño, unha cita na que a representante provincial recoñeceu o compromiso da Deputación de Lugo coa defensa do medio ambiente. Seguindo esta idea, García Porto defendeu que o que se busca é «poñer en equilibrio o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico do territorio e das persoas». Nesta liña, afirmou que «o que debemos facer é converter os programas de conservación da natureza en fonte de ingreso, de emprego no rural, de turismo sostible, de conservación de costumes tradicionais e de fixación de poboación no territorio». 

A Deputación de Lugo proxectou deste modo este territorio e a súa protección nunha cita posta en marcha polas Reservas da Biosfera de Galicia e organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) en colaboración coa Deputación. As xornadas que deron comezo hoxe pretenden ademais conmemorar os 50 anos do programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO.

 A voceira socialista do Goberno destacou que dende a propia xestión «foi aberta unha liña de subvencións en concorrencia competitiva dirixida a fomentar a participación do tecido asociativo da Reserva Terras do Miño para levar a cabo proxectos de interese que incidan no desenvolvemento sostible do territorio». A liña de axudas da institución provincial está dotada de 83.000€, e estará destinada a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionados pola propia Deputación.

A convocatoria de subvencións terá dúas liñas de acción diferenciadas, unha destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, dotada con 45.000€, e outra destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, que conta con  38.000€. Unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abrirase un prazo de solicitude de 10 días hábiles para presentar as peticións a través das cales se poderá optar a unha subvención que vai dos 1.000 aos 10.000€.

Estas xornadas retomaranse o vindeiro venres 9 de xullo cunha formación online vinculada á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, tamén xestionada pola Deputación de Lugo. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse na páxina web do CEIDA.