A provincia de Lugo ofrece este verán experiencias de turismo artesanal

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do programa de turismo e artesanía
Presentación do programa de turismo e artesanía CEDIDA

O Centrad organiza visitas guiadas a obradoiros e lugares de interese cultural de xullo a setembro

03 jul 2021 . Actualizado a las 09:25 h.

A provincia de Lugo ofrecerá este verán visitas guiadas e experiencias de turismo artesanal grazas a un novo programa cultural e de lecer: Lugo é artesanía. O Centrad, da área de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación, organiza esta nova oferta, que se artellará entorno a dous temas: «Xornadas viaxeiras» e «Experimenta artesanía», nas que se percorrerá a provincia coñecendo distintos obradoiros artesáns da man do guía turístico Guido Álvarez.

A finalidade é que a cidadanía coñeza de primeira man o traballo das artesás e artesáns e a relación dos oficios co territorio no que se desenvolven. As inscricións poden realizarse en info.centrad@deputacionlugo.org. O programa para este verán é o seguinte:

Xornadas viaxeiras

1. Xornada Mondoñedo, 10 de xullo. Percorrido pola cidade histórica de Mondoñedo e visita ao barrio dos Muíños para coñecer o escenógrafo e titiriteiro Ton Arenas, o canteiro Fernando Vilariño e os talleres de cerámica Esquina Atlántica e de serigrafía artística Estudio Estampa.

2. Xornada Sur (Ribeira Sacra e Sarria), 17 de xullo. Achegamento á olería da Reitoral de Gundivós e do Obradoiro Fígulus, visita dunha barreira e un forno comunitario e xantar de pícnic nun dos miradoiros da Ribeira Sacra para continuar camiño cara ao obradoiro do luthier Germán Arias en Sarria.

3. Xornada Terra Chá (Outeiro de Rei e Xermade), 21 de agosto. Visita a terras chairegas para coñecer o traballo artesán de Idoia Cuesta e Xaneco. Xantar de pícnic en Penas de Rodas e, pola tarde, visita ao torneiro Vicente Ledo na aldea artesá da Fraga.

4. Xornada Lugo, 11 de setembro. Integramente a pé, con visitas culturais á cidade de Lugo. Coñecerase de preto o traballo de construción de gaitas de Lis, o deseño en cerámica de Mi madre no me deja e a marroquinería de Querqur Leathercraft.

5. Xornada Lugo, 12 de setembro. De novo a pé con visitas culturais á cidade de Lugo, de camiño aos obradoiros de cerámica, gravado e cartón pedra de Ceniza de Papel, Augatinta e Marga Portomeñe.

6. Xornada Mariña, 18 de setembro. Visita á obra do artista e ceramista Caxigueiro, no Espazo Caritel en Foz, percorrido pola Península da Paz, San Cibrao, onde se visitará ao carpinteiro de Ribeira, Francisco Fra, para dirixirse ao monte de San Roque onde haberá un xantar de pícnic. Para finalizar, visita ao complexo Regal Xunqueira e coñecerase de preto o traballo de Alfonso Otero Regal.

7. Xornada Riotorto, 25 de setembro. Achegamento ao traballo dos ferreiros de Riotorto, a extraordinaria paisaxe que os acolle e a arquitectura etnográfica do seu oficio.

Experimenta artesanía. Turismo artesanal activo

1. Vinum et Lútum, 11 de xullo. Reitoral de Gundivós, Sober. Máximo 15 persoas. De 9.00 a 17.00 horas

2. Arte e cerámica, 18 de xullo. Regal Xunqueira, Viveiro. Máximo 22 persoas. De 10.00 a 14.00 horas

3. Olería tradicional da Ribeira Sacra, 1 de agosto. Obradoiro Fígulus, Proendos, Sober. Máximo 15 persoas. De 10.00 a 20.00 horas

4. Máis que barro, 8 de agosto. Obradoiro Ceniza de Papel, Lugo. Máximo 8 persoas. De 11.00 a 18.00 horas

5. O torneado: un oficio secular, 22 de agosto. Aldea artesá da Fraga, Lugar de Cazás, Xermade. Máximo 3 persoas. De 10.00 a 18.00 horas

6. O mundo dos barcos de madeira: deseño e trazado, 29 de agosto. Estaleiros Fra, San Cibrao Lugo. Máximo 6 persoas. De 10.00 a 18.00 horas

7. Ao redor da máscara romana, 5 de setembro. Obradoiro Marga Portomeñe, Lugo. Máximo 12 persoas. De 10.00 a 19.00 horas

8. Tecendo a natureza, 19 setembro. Obradoiro Idoia Cuesta, Outeiro de Rei. Máximo 8 persoas. De 10.00 a 18.00 horas