As pedras dos Ancares falan

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Marco de Xunquiñas. O libro recolle a historia deste histórico marco que marca a división na Cespedosa, cerca de Pandozarco, dos concellos de Navia, Cervantes e o leonés de Candín
Marco de Xunquiñas. O libro recolle a historia deste histórico marco que marca a división na Cespedosa, cerca de Pandozarco, dos concellos de Navia, Cervantes e o leonés de Candín SUSO VARELA

Patrimonio dos Ancares recompila nun libro 1.250 topónimos, dos que un 25 % xa desapareceron da memoria dos veciños

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A toponimia e a micro toponimia nalgunhas zonas de Galicia están en grave risco de desaparición na medida en que sigue aumentando o despoboamento. Por iso, nos últimos anos estanse editando estudos que salvagardan os nomes que durante séculos os veciños puxeron aos lugares cos que se vincularon nas súas tarefas diarias.

Neste sentido, a Deputación Provincial de Lugo acaba de editar o volume Pedras con lenda, escrito polos integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares Pilar Carpente Leira, José Ángel Fernández Revaldería e Xabier Moure, e que conta cun limiar do presidente provincial, José Tomé.

Para elaborar este libro os membros do colectivo ancarino identificaron 1.250 lugares da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, formada polos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, «que os nosos antepasados bautizaron cun nome».

Para facer este estudo os investigadores consultaron distinta documentación, dende a máis antiga, procedente do mosteiro de Penamaior (Becerreá), do desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada (Cervantes) e da Casa de Altamira (Navia de Suarna), pasando por preitos, compras, vendas, os Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, a cartografía antiga e actual e, sobre todo, a transmisión oral.

«No traballo citamos máis de 500, e relacionadas con historias, ritos e tradicións, sempre coas pedras como centro dos relatos, máis de 300. En total revisamos máis de 1.200 documentos que, ademais das pedras, achegáronnos outras informacións de interese. Tamén se insiren varias fotografías».

Os membros de Patrimonios dos Ancares sinalan que o motivo que os levou a facer este libro é o de tentar preservar e recuperar esta enorme riqueza toponímica arredor das pedras e as historias, lendas, ritos e tradicións que ao longo dos séculos se foron tecendo ao seu redor. «Porque para os galegos en xeral, e dos Ancares en particular, as pedras son algo máis ca un mineral: Falan e agochan secretos e misterios. Non é unha esaxeración afirmar que con cada persoa que morre ou abandona o campo, coa apertura dunha nova estrada, pista ou curtalumes, coas plantacións indiscriminadas de árbores alóctonas ou coa galopante despoboación desaparece unha parte da nosa historia». De feito, explican que dos 500 nomes que achegan no libro, ao menos do 25 por cento xa non queda memoria entre a xente. «De todas e todos depende que esa riqueza non queda relegada ao esquecemento», sinalan.

Presentacións na comarca

Durante o mes de xullo farán a presentación nos tres concellos obxecto do traballo. O sábado día 3 na Casa da Cultura de Becerreá; o día 10 na Casa da Cultura de Cervantes; e o 17 na Casa do Concello de Navia de Suarna. O colectivo agasallará con 50 exemplares en cada unha das presentacións. Os actos nos tres concellos serán ás 20.00 horas.