Ansia

Xulio Xiz

LUGO

21 jun 2021 . Actualizado a las 22:39 h.

A Lugo séntalle ben o bo tempo, e aos lucenses tamén. Cando temos un día triste, con choiva, andamos pola rúa buscando refuxio, que a choiva pode ser unha maravilla, pero ás cidades convenlles que veña racionada.

Co bo tempo, o centro vólvese peonil, con multitudes que invaden na Praza Maior as mesas dos bares panorámicos, para ver e ser vistos. E dias pasados, fixo tan bo tempo que non só nos botamos ás rúas, senón que ficamos expectantes diante do Arde Lucus, que ía medrado diante dos nosos ollos coa montaxe de pacíficos escenarios guerreiros.

Tiñamos tantas ganas de festa, que nos enchía o ollo ver como se montaba o campamento romano diante da Casa do Concello, sendo un espectáculo contemplar a lexionarios en traxe de faena facer unha cadea humana para trasladar innumerables toros de madeira para calefacción, ou a saber para que a utilizaban os romanos, creando clima festeiro para un Arde Lucus de circunstanstancias, que tiña o mérito grandísimo de demostrarnos a todos que a vida segue.

En Lugo, viñémonos arriba co aparente ocaso do Covid, vacinacións en masa, bo tempo, as vacacións do final de curso, e a todos o corpo nos pediu xolda diante da provocación festeira, porque o noso espírito é mozo, pero temos que lembrar que os mozos nas festas somos carne de cañón para ese virus empeñado en fastidiarnos a vida.

Pasou a festa, e a choiva non conseguiu, entre a prevención e as ganas de botarnos a perder; entre a prudencia e a explosión que nos pide o corpo, calmar a sede de festa. Mais ben, ao contrario. Reafirmounos nas ansias de ter as festas en paz, e unhas festas plenas. En canto o tempo mellore.