As persoas que loitaron contra o covid «son o mellor que temos nas cidades do Antigo Reino de Galicia»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

O tenente de Alcalde da Coruña fixo a ofrenda ao Santísimo na Catedral de Lugo

13 jun 2021 . Actualizado a las 19:11 h.

As sete cidades do Antigo Reino de Galicia renovaron este mediodía ante o Santísimo da Catedral de Lugo a ofrenda que se ven celebrando desde 1669, nun acto cheo de solemninade e onde a cidade da Coruña foi a encargada de ser a oferente nesta ocasión. Seguindo a tradición, o domingo seguinte a Corpus, as corporacións das sete cidades levan a cabo unha cerimonia á que accedeu o rei cando lle pediron unha ofrenda anual para contribuír a sufragar o gasto de alumeado ao Santísimo Sacramento, exposto de forma perpetua no altar maior do templo lucense.

Os alcaldes e tenentes de alcaldes das sete cidades, da corporación de Lugo (salvo os edís do BNG), da Deputación de Lugo e da Xunta partiron da Casa Consistorial cara a Catedral, onde foron recibidos á entrada do templo e fóronse colocando no coro catedralicio, mentres soaba o himno do Antigo Reino de Galicia. O oferente foi o tenente de alcalde da Coruña, José Ignacio Borrego. E polo resto de cidades estiveron a rexedora de Lugo, Lara Méndez; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea; o segundo tenente de alcalde de Santiago, Gumersindo Guinarte; o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero; a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela; e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

Na ofrenda, o representante da Coruña lembrou que hai 352 anos as sete cidades do Antigo Reino acudiron a Lugo a levar «un facho, e hoxe vimos por unha luz que vemos, non aínda inflamándoo todo, pero si iluminando o camiño». José Ignacio Borrego tivo palabras de recordo para as persoas que perderon a vida polo covid, «moitos houberon de marchar sós», e tamén para os enfermos.

O tenente de alcalde coruñés tivo palabras de cariño e alento para as persoas, «que malia as incertezas e os ricos, seguiron nos seus postos facendo da vida, a saúde e o benestar dos demais a súa prioridade». Borrego dixo que os sanitarios, as persoas coidadoras, os voluntarios e os membros das forzas e corpos de seguridade «son o orgullo das nosas cidades, o mellor que temos neste reino antigo».

Foi o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, o encargado de respostar ao oferente, sinalando tamén que «neste tempo de crise puidemos ver en moitos exemplos a grandeza de quen sabe sacrificar, de quen ama, de quen entrega tempo e ata saúde, paga co propio corpo». O bispo lucense sinalou que «os recordos luminosos da nosa memoria son as bases do noso futuro».