O fillo de Xela Arias mantivo un encontro cos alumnos do colexio Fingoi, en Lugo

La Voz LUGO

LUGO

Os estudantes entregáronlle agasallos e fixéronlle moitas preguntas

09 jun 2021 . Actualizado a las 11:40 h.

Darío Gil Arias, o fillo de Xela Arias, homenaxeada este ano nas Letras Galegas, estivo no colexio Fingoi. Os alumnos puideron coñecer unha perspectiva máis persoal da autora, e achegarse á visión da súa obra desde os ollos dun lector privilexiado. Xela estudou no colexio Fingoi, despois de estar na escola de Barreiros, onde o seu pai Valentín Arias era mestre, seguindo unha pedagoxía anovadora e insólita nos anos 60 que continúa hoxe en Fingoi. Os alumnos de infantil e de primaria fixéronlle entrega de varios agasallos: debuxos, un libro e traballos inspirados nos versos de Xela. Tamén os de primaria e ESO fixéronlle moitas preguntas sobre o traballo e a vida de Xela. Foi unha xornada intensa e emotiva para Darío, que pisou a mesma clase da nai, e moi satisfactoria para os alumnos, que coñeceron máis a Xela e a Darío, que animou a que se fale en galego.