Arte na rúa

María L. Sández

LUGO

08 jun 2021 . Actualizado a las 22:20 h.

Guitiriz terá o privilexio, estes días 7, 12 e 13 de xuño, de acoller os actos do I Festival de Poesía Guitirica. Haberá recitais, concertos, coloquios e presentacións, que se desenvolverán en diversos espazos (como o campo da feira e a Casa Habanera), tomando as prazas e as terrazas da vila. Que a poesía encha as rúas e que non só se retome a actividade cultural interrompida pola pandemia, senón que se promovan outras iniciativas, é unha excelente nova.

A música foi, desde sempre, a forma de arte máis popular e presente no espazo público; mais hai outras formas artísticas capaces de conectar coa xente e esta aposta pola poesía é, sen dúbida, un acerto de Guitiriz, que xa ten dado mostras da súa querencia pola cultura. A Casa Habanera albergou, durante varios anos, o curso de verán da USC Cultura e Paisaxe, interrompido tamén en 2020 pola Covid-19.

Un dos posibles efectos positivos da pandemia no eido da cultura é o achegamento aos espazos públicos. Agora que o aire libre garante unha maior seguridade, a acción cultural sae dos edificios para ir ao encontro das persoas. Porque a cultura é un xeito de construírmonos colectivamente, de compartirmos o noso común habitar neste planeta, con todos os nosos enigmas, angueiras e logros, cos nosos interrogantes, consolacións e propostas de sentido.

E todo iso faime pensar no Arde Lucus, que desde o comezo tivo unha vocación de espallamento pola cidade, inzando Lugo e a súa bisbarra de arte. Lembran esa escena de Cinema Paradiso na que Alfredo proxecta a imaxe na fachada da praza para satisfacer a esa morea de xente que non puido entrar na sala? Quizais sexa o momento máis máxico e poético dunha película de seu marabillosa. A grandeza desta personaxe (a miña preferida) reside nesa capacidade para espallar e compartir, converténdose no mago que fai posible o noso soño colectivo.