Guitiriz celebra o primeiro festival de poesía

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Alfonso Blanco Torrado será o pregoeiro
Alfonso Blanco Torrado será o pregoeiro FOTO SUSO

A cita terá lugar os días 7, 12 e 13 no Campo da Feira, con concertos, charlas e presentacións literarias, ademais de recitais poéticos nas terrazas dos bares e nas rúas da localidade

31 may 2021 . Actualizado a las 11:11 h.

Música, roteiros, recitais e presentacións literarias darán forma ao primeiro Festival de Poesía Guitirica, que organiza o Concello de Guitiriz, coa colaboración de Nova Poesía Guitirica, e que terá lugar os días 7, 12 e 13. As actividades terán lugar, fundamentalmente, no Campo da Feira, pero tamén haberá actos na Casa Habanera e, ademais, tanto o sábado coma o domingo celebraranse recitais poéticos nas terrazas dos bares da localidade e en diferentes puntos das rúas da vila.

Ao longo do festival participarán, tanto nos recitais poéticos coma nas presentacións literarias, integrantes de diferentes agrupacións poéticas de todo o territorio galego, como son Nova Poesía Guitirica, Nómades do verso, Versos de Area, Irmandade luso-galaica, In Nave Civitas/Urbano Lugrís e Moraima/A grafía da emoción.

O programa do festival é o seguinte:

Luns 7

· 12.00h. Presentación do festival e inauguración da exposición «Xela Arias. Aquela nena de Sarria», na Casa Habanera

Sábado 12

· 11.00h. Presentación. Revista NPG Gazeta. Revista de Agrupacións Poéticas de Base

· 12.00h. Presentación libro «Poema da Rúa das Aves», de Miguel Barrera

· 13.00h. Saúdo da alcaldesa, Marisol Morandeira

· 13.30h. Actuación musical da Escola: Grupo Rock e Grupo Gaitas

· 14.00h. Pregón a cargo de Alfonso Blanco Torrado

· 14.30h. Actuación musical da Escola: Grupo Rock e Grupo Gaitas

· 17.00h. Palestra Carvalho Calero. Presenta Antón de Guizán. Participan Alfonso Blanco Torrado e Loreto de Castro

· 18.00h. Presentación libro «Abril», de Luz Darriba

· 18.30h. Presentación libro «Abecedario do país das Albarizas», de Xulio Pardo de Neyra

· 19.00h. Recital poético musical de Paco Rivas e Tono

· 20.00h. Concerto de Corredores de Sombra

Domingo 13

· 10.30h. Saída Roteiro Díaz Castro, guiado por Raúl Río, con alumnado do IES Díaz Castro

· 12.00h. Presentación libro «Lareira de soños», de Pas Veres

· 13.00h. Palestra de Xela Arias, que presenta María Xosé Lamas, coa intervención de Xulio Xiz e Ana Barral

· 14.00h. Actuación musical da UNED Sénior A Coruña, Folerpa de Son

· 17.00h. Presentación libro «Versos do desasosego», de Ana Barral

· 18.00 h. Presentación conxunta dos libros «Non estamos preparados para medrar», de Teresa Ríos Noya; e Bambán de Vento, de Hortensia Bautista

· 19.00h. Entrega de premios Vilariñas, presentada por Luz Airado, e a actuación de Eugenia Sanmartín; e dos premios Díaz Castro, presentados pola concelleira de Cultura e Igualdade, Ainara Pérez.