Segundas Letras Galegas para o Colexio Fingoi de Lugo

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

LUGO

O centro celebrou un gran acto en homenaxe a súa ex alumna, Xela Arias, un ano despois de ser galardoado o seu primeiro director, Carvalho Calero

26 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Colexio Fingoi está de celebración por segundo ano consecutivo. Polo centro lucense pasaron os dous últimos homenaxeados no Día das Letras Galegas. O ano pasado galardoouse a Ricardo Carvalho Calero, ao que de portas para dentro do Colexio Fingoi refírense como «Don Ricardo». O ferrolán foi o primeiro director do centro educativo, nomeado polo fundador, Antonio Fernández. Durante os 15 anos que exerceu o cargo deixou unha gran pegada do centro. Este 2021, con Xela Arias, a Real Academia Galega cambiou a unha figura totalmente diferente. A poeta sarriá estudou en Fingoi durante dous cursos, e a súa modernidade permitiu unha conexión profunda co alumnado. A celebración a medio gas do 2020 pasado fixo que este ano os estudantes e o profesorado organizaran un gran acto en conmemoración á escritora lucense.

Todo o alumnado participou nunha xornada divida por cursos para evitar as aglomeracións polo coronavirus. O inicio e o fin das actividades estaban ambientados por un grupo de gaiteiros, pertencentes ao Centro de Música Fingoi, e guiados polo artista Pepe Vaamonde. Unha arte esencial para o colexio, igual que o foi para Xela. Cada rango de idade dos estudantes representou unha etapa da vida de Xela adaptada a eles, un método co que o colexio leva traballando todo o ano.

«Chupas» de coiro e rock

Os primeiros en homenaxear á poeta foron os alumnos de educación secundaria e bacharelato, que deron unhas puntadas a súa infancia pero centráronse na tormentosa época dos anos 80. Mediante representacións teatrais acompañadas de recitais de poemas de Xela, os alumnos dos cursos superiores recordaron a movida viguesa ambientada con moito rock e referencias ó ocio nocturno. Os estudantes do Bacharelato de Artes encargáronse de realizar carteis, entre eles un de «Kremlin», o nome do local por excelencia de Vigo. Os participantes incluso arrancaron a bailar ao ritmo de Os Resentidos e o seu Galicia Caníbal, un dos himnos da xeración de Xela Arias.

Nesta parte da vida da escritora incluso representaron unha manifestación polo Prestige berrando «Nunca máis», un suceso sobre o que Xela tamén deixou versos. Ao mesmo tempo, os alumnos de artes pintaron un grafiti rememorando a cultura urbana.

Máis implicación ca nunca

Os gustos e a moda da escritora sarriá interesaron máis que nunca ao alumnado de Fingoi, como conta a xestora cultural do colexio, María Casar. Ademais, a poeta mesturou varias disciplinas: fotografía, música e literatura, o que deu máis flexibilidade para que os alumnos se adaptasen a que máis lles gustase. Incluso os máis pequenos, para os que a poesía e os anos 80 poden resultar complexos, traballaron coa obra de Xela adaptada para eles, como Darío a diario ou os propios libros que ela traduciu ao galego de literatura infantil, por exemplo, As Bruxas, de Roal Dahl.

Os nenos de primaria foron os encargados da segunda tanta de actividades, nas que se centraron máis na etapa da poeta da Granxa Escola de Barreiros, durante os seus primeiros tres anos de vida, e a seguinte no propio Colexio Fingoi. Quixeron resaltar a tradición galega e a reivindicación do idioma, que se viu apoiada coa actuación no grupo de gaitas.