José Tomé: «Necesitamos un novo modelo de servizos sociais e modificar o marco de financiamento local»

la voz LUGO

LUGO

O presidente da Deputación de Lugo durante a celebración do foro
O presidente da Deputación de Lugo durante a celebración do foro CEDIDA

O presidente da Deputación de Lugo defendeu nun foro o sistema de residencias que ten o organismo provincial

19 may 2021 . Actualizado a las 20:38 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, inaugurou este martes as xornadas Gobernos Locais e Servizos Sociais, organizadas pola Deputación de Lugo en colaboración coa Fundación Democracia y Gobierno Local. Medio cento de traballadores e representantes institucionais de entidades locais de toda España participaron no encontro, celebrado de maneira telemática, durante o que o presidente asegurou, «como firme defensor do público e do municipalismo», que o ocorrido durante a pandemia no eido social, «debe facernos reflexionar a todos», e reivindicou a necesidade dun «novo modelo de servizos sociais e de modificar o marco de financiamento local». 

A incidencia da crise do covid-19, a fórmula de xestión concertada, o reto demográfico e o coidado dos maiores foron os temas que vertebraron a xornada virtual, na que tomaron parte como poñentes expertos das universidades de Girona, Barcelona, Santiago de Compostela, A Coruña e da Autónoma de Madrid. 

O presidente lucense subliñou que garantir o pleno acceso a unha carteira de servizos públicos de calidade no conxunto do territorio «supón cumprir co principio de igualdade que consagra a Constitución e é a ferramenta máis eficaz que temos para frear a perda de poboación no rural». 

Novas competencias sen máis recursos

A pandemia, asegurou José Tomé, supuxo «unha proba de estrés para os servizos sociais do noso país, aumentando o gasto no conxunto dos concellos galegos en 6M€ mensuais», segundo a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), sen que as entidades locais teñan recibido «nin un só euro de fondos adicionais para a loita contra a crise sanitaria». «Unha crise social, económica e sanitaria, que debera servir para revisar as necesidades das facendas locais, historicamente infradotadas, só serviu para cargalas con nova competencias impropias, como ocorreu coa desinfección dos colexios, que a comunidade autónoma de Galicia pasou aos concellos co argumento de que eran equiparables ás tarefas de limpeza e mantemento habituais», afirmou o presidente socialista.

As administracións van seguir sendo axentes fundamentais á hora de acercar os servicios sociais á cidadanía, argumentou José Tomé, «pero non podemos seguir asumindo esta tarefa dende a infradotación orzamentaria e dende a postura de desdén de quen non quere, nin asumir as competencias que teñen atribuídas por Lei nos seus respectivos estatutos de autonomía, nin recoñecer que as entidades locais podemos aportar solucións máis pegadas á realidade e ás necesidades do territorio, e, polo tanto, máis eficientes. As entidades locais non podemos seguir sendo tratadas como menores de idade aos que se lles regatea a paga, mentres cada ano sube o número de competencias que asumimos ante a deixadez ou infradotación das administracións autonómicas»..

 Revisión do modelo asistencial autonómico

Así mesmo, explicou o presidente, o covid-19 «puxo en cuestión da maneira máis triste posible o modelo asistencial das residencias, as ratios de persoal por residente, os controis periódicos das residencias concertadas e mesmo o propio deseño arquitectónico dos centros».

Por iso, o mandatario provincial apelou a un novo modelo de servizos sociais. Neste sentido, destacou que a Deputación de Lugo dedica un terzo do orzamento anual, uns 30M€, a políticas sociais, «que debería asumir a comunidade autónoma», e puxo en valor o modelo de residencias provincial. «Residencias públicas de pequeno tamaño, de entre 30 e 40 usuarios de media, asentadas en pequenos municipios, de xeito que as persoas viven esta nova etapa preto das súas familias e amigos, no entorno no que pasaron toda a súa vida», explicou o presidente, quen subliñou que os centros da Deputación «teñen case un coidador por residente, xeran emprego sostible e de calidade no rural e dinamizan a actividade dos produtores locais, un modelo eficaz para as persoas e eficiente para as economías locais», que se viu reforzado coa pandemia, durante a que os centros estiveron libres de Covid e non houbo que lamentar ningún falecido polo coronavirus, destacou José Tomé. 

O presidente cre que é unha boa noticia que a Xunta de Galicia anunciase a revisión do seu modelo de residencias, «sobre todo se vén acompañada dun informe sereno e transparente que avalíe o sucedido nos centros autonómicos, que analice o por que da elevada mortalidade, as denuncias de falta de atención da familias e que analice tamén se o modelo da Deputación de Lugo pode ser útil para o novo modelo».