Música, poesía e vídeo para lembrar en Lugo a Xela Arias

la voz LUGO

LUGO

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentaron as actividades das Letras Galegas
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentaron as actividades das Letras Galegas CEDIDA

O Concello agasallará cun libro ás persoas que se acheguen o día 17 á Praza Maior

11 may 2021 . Actualizado a las 10:49 h.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto co tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, as actividades que o goberno municipal organiza de cara ao Día das Letras Galegas. Maite Ferreiro explicou que «organizamos unha serie de actividades culturais que mostrarán a presenza do galego nas distintas artes e na rúa todos os días do ano».

As actividades do día das Letras Galegas comezarán o día 15 de maio, co espectáculo poético musical «Por Xela», Letras Galegas 2021, que comezará ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Trátase dun espectáculomultidis ciplinar adicado a Xela Arias, con 3 disciplinas artísticas: música, poesía e fotografía. Un evento que contará nove mulleres no escenario, cinco músicas da Banda da Loba e catro poetas actuais galegas, e a proxección dos retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil.

A parte poética do espectáculo está comisionada por Tamara Andrés, tradutora e poeta galega especializada en Xela Arias, e contará coa participación de Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil, Helena Salgueiro e Vanessa Glemsel, poetas contemporáneas galegas relacionadas coa música, a fotografía e a performance.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentaron as actividades das Letras Galegas
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentaron as actividades das Letras Galegas

A parte musical do espectáculo correrá a cargo da Banda da Loba, formación musical galega, composta por cinco mulleres asentadas no concello da Estrada, que están revolucionando a musica galega coa súa mestura de música e literatura. Os poemas musicados pola banda pertencen aos catro poemarios publicados por Xela Arias: «Denuncia do equilibrio» (1986), «Tigres coma cabalos» (1990), «Darío a diario» (1996) e «Intempériome» (2003).

As redes sociais da área de Cultura mostrarán entre o 15 e o 17 de maio as actuacións de 6 grupos de música de Lugo, baixo o ciclo «En Galego ao teu ritmo». Cada día emitiranse dous concertos de música en galego, que permitirán, segundo explicou Maite Ferreiro, «achegar a música e festexar as nosas letras con todas as persoas que non poden asistir ás actividades presenciais».

O propio 17 de maio, a área de Cultura agasallará un libro en galego a todas as persoas que se acheguen á praza Maior. A actividade terá lugar entre as 12 e as 14 horas, e as persoas que o desexen levarán un libro procedente do fondo bibliográfico municipal. «Quixemos repetir esta actividade que foi un éxito no pasado Día do Libro, achegando as obras editadas polo Concello a todas as veciñas e veciños», afirmou Maite Ferreiro.