Lugo reunirá a grandes intérpretes da música clásica internacional

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Praeteritum Ensemble actuará de novo no Círculo das Artes o día 27
Praeteritum Ensemble actuará de novo no Círculo das Artes o día 27 ALBERTO LÓPEZ

O Festival de Música Cidade de Lugo- XLVIII Semana de Música do Corpus terá lugar do 22 de maio ao 5 de xuño, no Círculo das Artes. Javier Perianes, La Ritirata, Raquel Andueza e La Galanía, Praeteritum Ensemble ou o portugués Ludovice Ensemble serán os protagonistas

07 may 2021 . Actualizado a las 11:29 h.

Grandes intérpretes da música clásica internacional volveranse a dar cita en Lugo dentro do Festival de Música Cidade de Lugo-Semana de Música do Corpus, un dos festivais de música máis antigos do país. Terá lugar do 22 de maio ao 5 de xuño, con concertos gratuitos no Círculo das Artes.

Corenta e oito anos de historia avalan o decano dos festivais de música clásica de Galicia, tradicionalmente coñecida como Semana de Música do Corpus, que reúne anualmente a algunhas das grandes figuras do panorama musical nacional e internacional en Lugo.

Nesta edición contará con intérpretes como o pianista e gañador do Premio Nacional de Música Javier Perianes, elixido como Músico do ano 2019 nos International Classical Music Awards (ICMA); a soprano Raquel Andueza á fronte do seu grupo La Galanía, que celebran o seu décimo aniversario no festival cun programa que abrangue o primeiro barroco italiano; ou o prestixioso grupo historicista La Ritirata, dirixido polo violonchelista Josetxu Obregón e que xunto coas voces de Eugenia Boix e Beatríz Oleaga abordarán un repertorio centrado na música de Antonio Caldara.

O grupo portugués Ludovice Ensemble ofrecerá un concerto arredor da música da corte portuguesa na época de Magallanes, como parte da celebración dos 500 anos da circunnavegación terrestre. O Praeteritum Ensemble, dirixido por Pablo Suárez Calero, centrará o seu concerto na música da primeira metade do século XX con obras de Schönberg e Richard Strauss. O Alicerce Quartet, xunto coa soprano brasileira Rosana Orsini, interpretará o Stabat Mater de Boccherini. O Concerto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo será o protagonista do concerto da Orquestra Gaos co guitarrista Ramón Carnota, e a Orquestra Sinfónica Vigo 430 pechará o festival, con Isabel Rubio á dirección e a extraordinaria violista francesa Marie Chilemme como solista, nun programa con obras de Haydn e Hoffmeister.

Concertos gratuitos

Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo, serán gratuítos e teñen cabida limitada. As entradas xa se poden recoller na páxina web www.entradaslugo.es ou na Oficina de Turismo (praza do Campo, 11). O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo coa colaboración da Sociedade Filharmónica de Lugo.

Programación

· 22 de maio. Círculo das Artes, 20.00h. Raquel Andueza & La Galanía, Birthday Party

· 23 de maio. Círculo das Artes, 19.00h. Orquestra Gaos. Fernando L. Briones, dirección; Ramón Carnota, guitarra. Ravel, Respighi e Rodrigo

· 26 de maio. Círculo das Artes, 20.00h. Javier Perianes, piano. Amor e Morte (Beethoven, Chopin, Granados e Liszt)

· 27 de maio. Círculo das Artes, 20.00h. Ensemble Praeteritum. Morte e resurrección (R. Strauss / A. Schönberg)

· 29 de maio. Círculo das Artes, 20.00h. La Ritirata. Eugenia Boix (soprano), Beatriz Oleaga (mezzo) e Josetxu Obregón (dirección e violonchelo). Antonio Caldara e o violonchelo

· 2 de xuño. Círculo das Artes, 20.00h. Cuarteto Alicerce, Rosana Orsini & Marco Brescia. Stabat Mater de Boccherini

· 3 de xuño. Círculo das Artes, 20.00h. Ludovice Ensemble (Portugal). Fernando Miguel Jáloto, director. A música portuguesa no tempo de Magallanes. (Na celebración dos 500 anos da Circunnavegación 1519-1522)

· 5 de xuño. Círculo das Artes, 20.00h. Orquestra Sinfónica Vigo 430. Isabel Rubio, directora; Marie Chilemme, viola. Herschel, Hoffmeister e Haydn