O PP de Lugo promove un acto polo décimo aniversario do HULA

la voz LUGO

LUGO

Vista xeral do HULA
Vista xeral do HULA ALBERTO LÓPEZ

Participarán este luns destacados especialistas do hospital e o conselleiro de Sanidade

07 may 2021 . Actualizado a las 16:05 h.

O Partido Popular da provincia de Lugo organiza, a través da comisión de Sanidade coordinada pola doutora e deputada autonómica Encarna Amigo, unha xornada de conferencias con motivo do décimo aniversario do Hospital Lucus Augusti (HULA). Baixo a denominación «X Anos avanzando na sanidade dos lucenses. Por outros X anos de Futuro».

O acto desenvolverase o vindeiro luns 10 de maio a partir das oito da tarde na sede do Partido Popular coa participación de cinco recoñecidos doutores e xefes de distintos servizos no complexo hospitalario lucense.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia; será a encargada de abrir o acto que contará coa participación da coordinadora da comisión provincial de sanidade no Partido Popular, Encarna Amigo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Posteriormente disertarán sobre os avances nas distintas áreas o doutor Carlos González Juanatey, xefe de servizo de Cardioloxía; o doutor Sergio Vázquez Estévez, xefe de servizo de Oncoloxía, presidente da Sociedad Oncológica de Galicia (SOG) e vogal da xunta directiva de SOGUG e membro do comité clínico galego; a doutora Ana Ferreiro, xefa de servizo de UCI; e o doutor Manuel Vázquez Caruncho, xefe de servizo de Radioloxía, Medicina Nuclear e coordinador da unidade de mama.

Avances en materia sanitaria

Tanto a presidenta provincial coma a coordinadora da comisión provincial de Sanidade do Partido Popular agradecen «a colaboración de todos os participantes de cara ao desenvolvemento deste acto en conmemoración da posta en marcha do hospital de referencia na nosa provincia, un centro hospitalario moderno e equipado que foi incorporando servizos ao longo desta década para ofrecer aos lucenses a mellor atención posible».

De feito, ao longo dos últimos anos «o Sergas puxo en marcha o servizo de hemodinámica as 24 horas do día, o servizo de radioterapia, o servizo de medicina nuclear, unha sala de electrofisioloxía cardíaca e, para tratar a máis pacientes, cambiouse a ubicación de rehabilitación cardíaca. Tamén se mellorou o hospital de día de Onco-Hematoloxía»

As populares engaden, así mesmo, o anuncio que fixo o presidente da Xunta esta mesma semana durante a súa participación nos actos de conmemoración do décimo aniversario do Hula sobre a incorporación dun novo equipo de tomografía para diagnósticos oncolóxicos.