Lugo recolle o legado galeguista de Risco

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

O Vello Cárcere acollerá un acto sobre Vicente Risco
O Vello Cárcere acollerá un acto sobre Vicente Risco

Galaxia homenaxea o centenario da revista «Nós» cunha decena de obras na colección Biblioteca Nós. A presentación será o venres 7 no Vello Cárcere

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lugo recolle o legado galeguista de Vicente Risco cun acto de presentación das novas edicións de homenaxe aos artífices da revista Nós, impulsadas pola Editorial Galaxia. Para celebrar o centenario da saída do prelo do seu primeiro número, lanzaron a colección Biblioteca Nós, unha escolma dunha decena de obras de autores como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte ou Castelao.

Este venres, ás 19.00 horas no Vello Cárcere de Lugo, terá lugar o acto Nós e Vicente Risco, 100 anos de pensamento. Na presentación intervirán Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco; Xulián Parta Rodríguez, da Editorial Galaxia; Serxio María Rodríguez Álvarez, que fixo a introdución á Teoría do nacionalismo galego; Patricia Arias Cachero, que escolleu os textos de Leria; e Hakan Casares Berg, da biografía de Vicente Risco de Carlos Casares. O aforo é limitado, así que é necesario inscribirse en rgngon@gmail.com

A escolma recollida por Galaxia inclúe títulos como Teoría do nacionalismo galego, un dos textos políticos máis influentes e relevantes da Galicia do século XX, e Leria, unha colección de ensaios e colaboracións para a prensa vencellados á súa xeración, ambos de Vicente Risco. Tamén se inclúe a biografía que escribiu Carlos Casares, Vicente Risco, sobre a figura do senlleiro director da revista Nós. «Casares aporta unha interesante visión desde o seu coñecemento no trato durante os seus anos de estudante de bacharelato, presentando un Risco na súa dimensión máis humana», explican desde Galaxia.

A colección Biblioteca Nós conta con tres reedicións de Ramón Otero Pedrayo: Polos vieiros da saudade, obra na que relata a súa viaxe a América e o reencontro co seu amigo Castelao; Entre a vendima e a castañeira, libro de contos onde predomina a narración de sucesos relacionados co mundo do sobrenatural; e O Señorito da Reboraina, considerada unha das obras mestras da cultura galega.

Catalogada por Xoaquín Lorenzo como a semente da xeración Nós, O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929, céntrase na figura de Antón Losada Diéguez. Ofrécese unha rigorosa selección de 51 escritos do intelectual, da man do historiador Justo Beramendi.

Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte é tamén unha escolma de artigos que nos achegan a unha das figuras máis senlleiras do xornalismo galego.

A antoloxía poética Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, é unha das obras que forman parte desta colección que rende homenaxe á xeración. A través dela, en 1941, Cabanillas inaugurou o camiño de Editorial Galaxia.

E Diario 1921, de Castelao, é outra das obras enxalzan a colección. Personalísima, un mozo Castelao comparte nestas páxinas a súa visión do mundo, a paixón polas viaxes e o seu descubrimento de Europa. Un libro único que ofrece a mirada dun tempo pasado, con ollos de galego, ao que poderemos conectar para sempre.

Retrato de Castelao nos seus anos mozos

«Diario 1921», a crónica íntima da viaxe formativa por Europa de Castelao

HÉCTOR J. PORTO

Cúmprense agora cen anos da xira que emprendeu Castelao por Europa e que o levou -entre xaneiro e novembro de 1921- por Francia, Bélxica e Alemaña. O proxecto, lembra o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, naceu froito dun encontro fortuíto no tren co médico e mecenas lugués Juan López Suárez, coñecido como Xan de Forcados, que o animou encarecidamente a solicitar unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios -presidida por Santiago Ramón y Cajal e dependente do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes- para saír fóra, viaxar e coñecer o que se estaba a facer alén dos Pirineos. Xan de Forcados tiña moito ascendente sobre esta institución, da que foi directivo, ao que engadía que a súa muller, Mariana Castillejo, era irmá de José Castillejo, secretario da xunta. Castelao obtivo sen maiores problemas unha pensión mensual de 425 pesetas por nove meses. «Ata lle permitiron adiar a partida, porque naqueles días andaba a mirarse a vista no hospital de Vigo», anota Seixas Seoane.

Seguir leyendo