Xela Arias volve a Sarria co proxecto «A poesía do retrato»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do proxecto «Xela Arias. A poesía do retrato»
Presentación do proxecto «Xela Arias. A poesía do retrato»

O Paseo do Malecón será o escenario desta nova exposición

30 abr 2021 . Actualizado a las 12:43 h.

Xela Arias, autora homenaxeada polo día das Letras Galegas, volve a Sarria co proxecto expositivo A poesía do retrato, con textos poéticos da propia Xela, e fotografías de Xulio Gil. A mostra, impulsada pola área de Cultura e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inaugúrase o sábado 1 ás 17.30 horas no Paseo do Malecón.

Xela Arias. A poesía do retrato é un proxecto expositivo que presenta textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e o 2001. A mostra compleméntase cun libro-catálogo e está concibida para espazos exteriores, cun formato adaptado á itinerancia. Tralo seu paso por Sarria, localidade natal da autora, exporase a partir do 21 de maio en Lugo; do 22 de xuño en Chantada; do 9 de xullo en Monforte; do 3 de agosto en Viveiro; e do 27 de agosto en Ribadeo.

A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo da mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela observa de fronte e con honestidade.

Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora, tal e como explicou na presentación da mostra Xulio Gil. «Hai moi poucas fotografías que sexan roubada, que sexan do doméstico, en xeral, as fotografías recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir», sinalou.

Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragmentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias (Edicións Xerais, 2018).

Xulio Gil abondou na vinculación de Xela Arias con Lugo: «Fíxose poeta e adulta en Vigo, pero era de Lugo, tiña 40 anos e era de Lugo, porque era a antropoloxía que tiña na casa, co seu pai Valentín e coa súa nai Amparo. Estou seguro de que sería para ela un orgullo que a súa poesía e a súa imaxe estiveran por todo Lugo», sinalou.

Formato e itinerancia

As fotografías e poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio, sobre macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón. Un formato concibido para espazos exteriores e a itinerancia. «Cando soubemos da elección de Xela Arias para as Letras Galegas, entendemos que era un nomeamento que nos apelaba directamente, pola orixe sarriá da poeta, pero tamén polo seu compromiso social, polo seu feminismo e pola súa vontade de abrir novos camiños para a poesía e a creación en galego», explicou a vicepresidenta, Maite Ferreiro. «Esta fórmula expositiva responde á vontade de sacar a poesía de Xela á rúa. Sacar a poesía da cadeira do lector, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes», indicou.

O produtor executivo da mostra, Xosé Aldea, describiu o «reto técnico» que supón a itinerancia, pola dimensión dos soportes, «8.000 quilos de cultura, de poesía e de fotografía, cos que procuramos socializar as propostas artísticas e culturais de Xela Arias e Xulio Gil».