Unha produción lucense abre o Festival de Teatro Universitario

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Acto de presentación do programa do festival
Acto de presentación do programa do festival CEDIDA

Á estrea de «A Emperadora» a cargo da compañía de Lugo, súmanse tres funcións máis, un concerto de Verto e talleres de marionetas e canto. A cita terá lugar do 13 ao 21 no Gustavo Freire

07 abr 2021 . Actualizado a las 07:43 h.

A estrea de A Emperadora, produción propia da compañía de teatro USC-Lugo, que dirixe Carmen Conde, será a función que inaugure o próximo día 13 o XXVII Festival de Teatro Universitario. A cita, financiada polo Convenio Lugo Cultural (USC, Concello e Deputación de Lugo), terá lugar do 13 ao 21 no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e incluirá a participación de catro compañías universitarias, un concerto de Verto, un obradoiro de palabra e canto con Vicente Fuentes, que tamén dará unha charla, e unha intervención de marionetas a cargo de Marga Portomeñe.

O programa foi presentado o martes a cargo das vicerreitoras de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel, e de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, así como da concelleira e deputada de Cultura, Maite Ferreiro. Valcárcel salientou a longa traxectoria e a fonda pegada deixada pola Aula de Teatro da USC ao longo de máis dun cuarto de século. «Os responsables e coordinadores da Aula de Teatro da USC en Lugo e Santiago son os piares do teatro universitario do país», abundou a vicerreitora de Cultura, para logo facer un símil entre o teatro e a esencia universitaria, ao afirmar que «a actividade teatral tamén se asenta sobre tres eixes, como o son formación, investigación e transferencia». Nesta mesma liña, Ferreiro puxo o foco na dimensión social da programación cultural nada desde a USC. O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén asistiu ao acto.

Compañías e calendario

O elenco de actores afeccionados que dirixe Conde subirá o martes 13, ás 20.00 horas, o pano tralo que tamén actuarán a Aula de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña, Teatro El Mayal, da Universidade de León, e a compañía de teatro USC-Santiago. A compañía lucense tamén ofrecerá ese mesmo día, a partir das 12.00, unha función teatral para escolares.

A formación ourensá, dirixida por Fernando Dacosta, presentará o día 14 a obra Imperator. O grupo leonés Teatro El Mayal presentará en Lugo o 19 de abril Sweet Jane, unha produción dirixida por Javier R. De la Varga. O día 20, a compañía compostelá que dirixe Roberto Salgueiro pechará a quenda de representacións do Festival de Teatro Universitario coa obra A casa da forza 2, 52 ? 88.

As representacións teatrais comezarán a partir das 20.00 horas e as persoas interesadas en asistir como público xa poden solicitar de balde as entradas, a través do enderezo cultura.lugo@usc.es. Os aforos de cada función estarán determinados pola normativa sociosanitaria vixente e a reserva de entradas poderá facerse ata as 12.00 do día de cada función.

Actos complementarios

O concerto de Verto, unha cita musical programada para o día 21 ás 20.00 horas, que virá precedida dunha breve sesión das marionetas elaboradas no taller impartido por Marga Portomeñe, completan a nova edición do festival, que tamén reserva espazo para a formación a divulgación. O académico de Artes Escénicas e catedrático emérito da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, Vicente Fuentes, impartirá do 15 ao 18 o obradoiro Da palabra ao canto, do canto á palabra. As sesións deste curso desenvolveranse na Aula de Teatro e Danza do Campus (Facultade de Veterinaria) de 9.00 a 13.00 e de 15.00 a 18.30. O número de prazas está limitado a 10. Os interesados poden inscribirse en cultura.lugo@usc.es.