Retorno ao campo

María L. Sández TRIBUNA

LUGO

07 abr 2021 . Actualizado a las 11:51 h.

Esta semana fíxose público que un equipo do campus de Lugo representa a España nun programa de agroecoloxía impulsado pola Unión Europea, unha nova que leo ilusionada xusto agora que estou a piques de iniciar a miña primeira experiencia nun horto urbano.

Como a tantos galegos e galegas, a min afástame unha xeración do agro e xa non tiven unha experiencia directa da vida do campo. A atracción, pola contra, estaba aí, expresada a través do engado que sempre sentín pola presenza da natureza nos textos literarios.

Na Roma clásica, que tiña a súa base económica na agricultura, proliferou unha forma de escrita que situaba no campo a raíz da cultura, a base da felicidade e o alicerce de todas as virtudes romanas. Así o entendeu o emperador César Augusto e foi expresado polo poeta Virxilio nas súas Bucólicas e Xeórxicas.

Ademais da lingua e a cultura, os romanos deixáronnos tamén a tradición da viticultura e a apicultura e, do mesmo xeito que non se pode cuestionar que o idioma é o noso principal sinal de identidade, tamén é evidente que Galicia non pode entenderse sen ter en conta o seu carácter agrario.

Despois de varias décadas de un importante éxodo rural e de desleixo, os ventos agora sopran de novo a favor das nosas raíces. A propia caída na cotización dos prezos da madeira de eucalipto semella anunciar un tempo no que a nosa terra e a nosa paisaxe poidan deixar atrás o lamentable proceso sufrido nos últimos 50 anos.

A experiencia do confinamento está impulsando a revalorización das casas no rural e poida que consigamos frear, en parte, a morte das nosas aldeas nun triste contexto que xa nos anos 80 describiu con toda a intensidade poética da nostalxia Julio Llamazares na súa novela La lluvia amarilla.

Polo que a min respecta, estou disposta a dar os meus primeiros pasos coas cebolas e os tomates: un xesto humilde, mais para min cheo de significado. Compramos as cousas con demasiada facilidade como para podelas valorar. Ter que velar por que medren encerra, seino de antemán, unha valiosa e profunda lección.