A Biblioteca de Lugo celebra o Mes do Libro con contacontos e certames

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Paco Nogueiras actuará na Biblioteca Pública de Lugo o Día do Libro
Paco Nogueiras actuará na Biblioteca Pública de Lugo o Día do Libro cedida

Haberá espectáculos infantís os venres pola tarde, ademais de concurso de narración e debuxo e clubs de lectura de adultos

05 abr 2021 . Actualizado a las 11:31 h.

A Biblioteca Nodal de Lugo organizou unha completa programación para achegar a literatura á poboación, especialmente, aos máis novos, no Mes do Libro, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e do Día do Libro. Os contos serán os protagonistas na programación de abril, con espectáculos os venres ás 18.00 horas no salón de actos da Biblioteca Pública.

Así, este venres, día 9, representarase Mans a cargo de Os contos de Pablísimo, un orixinal espectáculo de teatro e narración oral onde as historias se contan con palabras e as personaxes aparecen nas mans.

O venres 16 será a quenda de Cantos, contos e outras animaladas, da man de Ana Facchini.

O Día do Libro celebrarase co espectáculo de Paco Nogueiras Extra!, baseado no libro-cedé editado por Kalandraka, cunha mestura de cancións e interpretacións.

Finalmente, o derradeiro día do mes representarase Unha árbore vén a vernos, unha viaxe ao mundo dos libros que son bosques e dos bosques que son libros, a cargo de Anxo Moure.

Todos as sesións están dirixidas á cativada de 4 a 12 anos, que poden ir acompañados de persoas adultas. Para participar nestas actividades, cómpre inscribirse a partir do luns previo na sala infantil ou no teléfono 982 828 329.

Ademais, continúan desenvolvéndose os habituais clubs de lectura, de inglés, de cómic, de adultos e Palabras para a igualdade.

 

Certame narración e debuxo

Por outra banda, a Biblioteca Pública vén de abrir a convocatoria do Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas, tanto na fase local coma na provincial.

O concurso está dirixido a nenos e nenas ata 16 anos, que poden participar en distintas categorías, segundo a idade. Así, a categoría A abrangue ata os 8 anos, a B, de 9 a 11 anos, e a C, de 12 a 16 anos. Cada un deles deberá enviar narracións en galego cunha extensión máxima dun folio ou debuxos en cartolina DIN A4 sobre o dereito das nenas e nenos a participar na vida cultural. O prazo de presentación prolóngase ata o 7 de maio.

O xurado seleccionará un máximo de tres traballos, que participarán na fase provincial xunto coas narracións e debuxos elixidos nas bibliotecas públicas municipais da provincia. O fallo farase público na primeira quincena do mes de xullo. Os autores galardoados recibirán cadansúa figura de Sargadelos e un lote de libros.