A moza de aldea que escribía para non falar

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

XOAN A. SOLER

Andrea Valle Alonso é unha escritora das Nogais moi arraigada á súa terra e, dende hai anos, a estudante de Filoloxía Galega na USC exprésase a través do seu blog

01 abr 2021 . Actualizado a las 18:12 h.

Andrea Valle Alonso ten 22 anos. Nada en San Pedro de Hermo (As Nogais) é unha apaixonada da súa terra, pero tamén das letras e da música tradicional galega. Ten un blog e está estudando cuarto curso de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Na súa vida, só se presentou a un concurso de literatura, o de poesía de Cambados, hai un ano, e acadou o segundo posto por unhas verbas que falan da súa lingua nai tituladas Meu grande amor.

—Como comezou a escribir?

—Comecei porque de pequena era moi covarde e dábame medo pedirlle cousas a meus pais. Tiña medo de falar das cousas importantes, polo que lles escribía cartas a meus pais, á miña familia... De pequena encantábanme os contos infantís, polo que comecei a escribilos, e tamén a facer poemas.

—Cando abriu o blog?

—O blog abrino cando tiña 15 ou 16 anos porque me daba moita vergoña ensinarlle á xente o que escribía. Entre unha amiga miña e a miña curmá animáronme a publicar. Así comezou todo. Posteriormente creei as páxinas de Instagram e Facebook.

—Xa publicou?

—Participei en dúas antoloxías. Unha é Poesía Galega Novísima da editorial Urutau que viu a luz hai uns meses. Recentemente chamáronme para participar noutra antoloxía, Mujer, Brujas Luna Llena, de Mariposa Ediciones.

—Ademais, recita.

—Comecei nos micros abertos de Santiago hai catro anos. Ao principio ía de vez en cando, pero de repente comezaron a terme en conta. Empecei a participar nos slam, que son eventos nos que os poetas concursan para gañar e o xurado adoita ser o público.

—Escribe sobre a terra.

—A inspiración venme de que estou moi arraigada á miña terra. Nacín e crieime en San Pedro. Vivín alí toda a vida, ata que marchei estudar a Santiago.

—Onde quere traballar?

—A miña casa sempre vai ser San Pedro e Os Ancares, da igual onde estea. A miña idea é volver sempre que poida e ter un traballo que así mo permita.

«Eu non son nada de cidades, nos Ancares respírase doutra maneira, hai calidade de vida»

—Con que frecuencia volve a Os Ancares?

—Vou sempre que podo. Antes ía todas as fines de semana porque ademais dou clase na Asociación Cultural Abrente de As Nogais os venres. Agora, coa pandemia, procuro ir un pouco menos porque me da apuro.

—E que opina das cidades?

—Eu non son nada de cidades. Nos Ancares respírase doutro maneira. A calidade de vida na montaña é mil veces mellor. Nas urbes o estrés aumenta moito, non hai recunchos aos que escapar. Iso na aldea non pasa.

—Ata a montaña queda baleira...

—Se puxeramos un pouco máis da nosa parte, as aldeas poderían ter moita xente. De feito, coa pandemia aumentaron considerablemente os alugueres das casas.

—Que faría vostede polo rural no que se criou?

—Gustaríame facer unha rede de aldeas para facer máis visible o rural, pero tamén aos nenos das aldeas. Existimos! Parece que non hai xente nas aldeas, pero aínda que xa somos poucos, segue habendo crianzas que precisan coidados e actividades.

—Non hai actividades variadas?

—Eu cando era pequena ía a baile a Pedrafita, era a única actividade que había, pero que fan os nenos aos que non lle gusta? Se o rural é o grande esquecido, os nenos aínda o son máis. Precisan ter a posibilidade de descubrir as súas paixóns, e iso só é posible se aumenta a oferta. Só así conseguiremos fixar poboación.

Andrea Valle é de aldea, gústalle escribir, ler e a música tradicional. Ten un blog (http://andreavalle.simplesite.com/), ademais dunha páxina de Facebook (Cando a alma creba) e Instagram (@unha_da_terra).