A UNED de Lugo xa traballa cos novos equipos informáticos que aportou a Deputación

la voz LUGO

LUGO

O presidente da Deputación, José Tomé, visitou as melloras tecnolóxicas aplicadas na UNED
O presidente da Deputación, José Tomé, visitou as melloras tecnolóxicas aplicadas na UNED CEDIDA

O presidente do organismo provincial, José Tomé, visitou as instalacións, onde invertiron 185.000 euros en equipamentos

25 mar 2021 . Actualizado a las 21:51 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou esta tarde de xoves o equipamento informático co que dotou a institución provincial á Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) cun investimento de 185.000 euros. José Tomé estivo acompañado do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, da directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, e do coordinador tecnolóxico da universidade, Xavier Fernández Salgado

A contratación de material informático que fixo a Deputación preparou ao centro asociado para mellorar a calidade dos contidos dixitais da plataforma, que cobraron especial importancia e utilidade coa crise sanitaria derivada da Covid-19. Os 185.000euros destináronse á adquisición de ordenadores, impresoras de alto rendemento e sistemas de videoconferencia que permiten a renovación do equipamento tecnolóxico de diferentes dependencias do centro como o salón de actos, a aula de extensión, o Centro de Procesos de Datos (CPD) ou a sala AVIP que posibilita o seguimento das clases por vía telemática. 

Ao longo de todo o curso académico, dende a Deputación de Lugo impúlsanse iniciativas e convenios de apoio á UNED que se achegan aos 500.000 euros. Destínanse preto de 300.000 euros que teñen como obxectivo axudar a sufragar os gastos derivados do seu funcionamento. A institución provincial promoveu a creación da nova sede da UNED na capital da provincia de Lugo, un edificio inaugurado no 2017, aínda que liderara a creación do centro asociado en Lugo no 2007. 

Outras iniciativas conxuntas

A Deputación de Lugo tamén impulsa coa UNED o proxecto Lugo Cultura Dixital de comunicación dende o ano 2014 co obxectivo de difundir a cultura lucense, a promoción do asociacionismo, o impulso da inclusión e a alfabetización dixital. Para levalo a cabo a institución provincial destina 25.000 euros. Ambas entidades tamén colaboran no proxecto LugoNaturalmente, comprometido co desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático, un programa que recolle as grandes liñas da Axenda 2030 e que as traslada á súa contorna máis próxima.

 Incremento da matrícula

A UNED en Lugo creceu un 29% en matrículas de grao, posgrao, acceso e idiomas. O centro lucense acadou así un teito histórico, con 1.300 lucenses cursando ensinanzas reguladas. A Universidade a Distancia ten na provincia aulas en Foz, Monforte e Viveiro e tamén unha aula da UNED Sénior en Sarria.