A Deputación de Lugo entrega os primeros 55 hortos do Rato

la voz LUGO

LUGO

O presidente provincial, José Tomé, destaca que esta iniciativa permitirá aos lucenses gozar do medio natural e fomentar a agricultura ecolóxica

23 mar 2021 . Actualizado a las 20:43 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, fixeron entrega dos 55 primeiros hortos urbanos da institución provincial no Paseo do Río Rato ás persoas e entidades adxudicatarias. Os terreos, de 30 metros cadrados cada un, foron concedidos mediante un sorteo público a usuarios e usuarias que xa tiveron un horto urbano provincial con anterioridade e adxudicados en Xunta de Goberno por un período de dous anos. 

José Tomé e os deputados entregaron aos adxudicatarios unha carpeta coa documentación da parcela, xunto con material de traballo, como guantes e ferramentas de labranza, e plantas de horta. 

A segunda quenda de adxudicacións, na que a Deputación repartirá as 95 parcelas restantes do Rato a persoas e entidades que non tiveron antes hortos urbanos, farase a través dun proceso de concorrencia competitiva, no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, ente outros. 

O presidente subliñou que a Deputación de Lugo pon estes terreos públicos «ao servizo da cidadanía para o seu uso e desfrute cunha actividade de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e a concienciación no coidado do medio ambiente». 

Para contribuír a estes obxectivos, a institución provincial ofrece un servizo de dinamización dos hortos urbanos, que asesorará aos usuarios e usuarias en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e a xestión de recursos, materiais e maquinaria que a Deputación de Lugo poida poñer a súa disposición para o cultivo dos terreos.

Para este fin, licitou un contrato do que resultou adxudicataria Agrotecnia SL, por un importe de preto de 175.000€ e unha duración de dous anos, segundo o que a empresa terá que xestionar e organizar o día a día nos terreos e deberá elaborar un programa formativo interno, no que se recollan guías de boas prácticas, información, charlas e seminarios, e tamén externo, abrindo as actividades a persoas alleas aos hortos. 

O presidente animou a participar nos procesos de adxudicación das parcelas libres xa que «coa crise sanitaria primamos pasar tempo de lecer ao aire libre e en familia e estes hortos permítenos facelo, e ademais podemos obter unha pequena recompensa en forma de legumes e hortalizas que nós mesmos cultivamos». 

Remodelación dos hortos

A Deputación de Lugo conta con 175 hortos uniformes de 30 metros cadrados, 150 no Paseo do Rato e 25 en Paradai, tras a remodelación integral destes terreos públicos que permitiu aumentar a capacidade do espazo en 25 hortas. Esta mellora supuxo un investimento preto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos. 

A estas melloras sumouse tamén a instalación de peches perimetrais de madeira e os traballos de roza e poda, realizando melloras silvícolas para propiciar o máis óptimo rendemento da terra. Tamén se habilitaron zonas de cultivo específicas para escolares e para persoas con mobilidade reducida, instaláronse paneis informativos e incorporouse mobiliario urbano, como mesas e bancos. 

A Deputación entregou hoxe 55 hortos urbanos no Paseo do Rato e aprobará proximamente a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para adxudicar os 95 restantes. En canto ás 25 parcelas de Paradai, o procedemento será diferente porque os terreos eran propiedade da extinguida Suplusa