Doutor Castro, o filósofo de Lugo avanzado para o seu tempo

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Retrato do Doutor Castro que se atopa no salón de plenos de Lugo
Retrato do Doutor Castro que se atopa no salón de plenos de Lugo CEDIDA

O profesor Lois Rodríguez repasa o pensamento do intelectual do que se cumpren 300 anos do seu nacemento e que dixo en 1770: «Todos os homes nacen iguais»

22 mar 2021 . Actualizado a las 20:04 h.

O pasado 25 de febreiro cumpríronse 300 anos do nacemento dun dos intelectuais máis ilustres que tivo Lugo: Juan Francisco de Castro, o Doutor Castro, coñecido a nivel popular grazas a que se lle deu o seu nome a unha rúa céntrica moi vinculada á sociedade lucense, a das «Dulcerías».

Pero como explica o investigador e profesor de Filosofía Lois Rodríguez Cabana, o Doutor Castro foi un autor moi descoñecido «a pesares de ser un dos intelectuais máis anovadores do movemento ilustrado español e, sen dúbida, un pensador sen apenas parangón na historia do pensamento galego.

Conta o profesor lucense que con Castro ocorreu o que con outros moitos ilustrados españois, «que están a ser revalorizados pola historiografía filosófica contemporánea logo de décadas de esquecemento». Sinala Lois Rodríguez que a figura do intelectual lucense viuse afectada por diferentes frontes interpretativas: «Acusado pola tradición máis reaccionaria como ‘afrancesado’ que rexeitaba a cultura patria de corte nacionalcatólico; ou pola tradición de influencia marxista que vía nel a quintaesencia do pensamento burgués; ou polo positivismo que vía na Ilustración española pouco máis ca un movemento eclesiástico que non merecía demasiada atención; ou polo pensamento posmoderno que deu por liquidado (antes tempo) o proxecto ilustrado».

Rodríguez Cabana sinala que a figura do Douto Castro pasoulle como a Sarmiento, «que non foi revalorizado na súa xusta medida ata os anos noventa do pasado século», por iso considera que con Castro cómpre facer unha revisión histórica e pedagóxica, «máis tendo en conta o carácter notablemente reformista dos seus escritos».

O seu pensamento en libros

Juan Francisco de Castro foi avogado da Real Audiencia de Galicia e xuíz eclesiástico do Bispado de Lugo e autor dos Discursos críticos sobre las leyes y sus intérpretes (1765-1770) e Dios y la naturaleza (1780-1791). Nado o 25 de febreiro de 1721, a súa vida transcorreu en Lugo, «no seo dunha familia que medrou ao abeiro dos ventos favorables da burguesía crecente».

Conta Rodríguez Cabana que chegou a ser a man dereita do bispo Armañá, «o máis ilustrado de Galicia», e que «protagonizou notables enfrontamentos cos sectores máis conservadores da Igrexa, nomeadamente co cabido da Catedral lucense e cos censores da Academia da Historia de Madrid por mor do que eles consideraban un ‘uso desapropiado’ de vocábulos e modismos da lingua galega nos seus escritos en castelán, e que o doutor Castro consideraba unha nota de identidade irrenunciable».

O investigador Lois Rodríguez Cabana na Rúa Doutor Castro, onde viviu e morreu o ilustre filósofo lucense
O investigador Lois Rodríguez Cabana na Rúa Doutor Castro, onde viviu e morreu o ilustre filósofo lucense Carlos Castro

Ideas vangardistas

No tocante á súa achega intelectual, para Lois Rodríguez, o pensamento xurídico e social de Castro «constitúe unha das achegas máis vangardistas do século das luces español. A súa concepción da xurisprudencia como ciencia moral por excelencia lévao a verter as máis duras críticas contra as institucións absolutistas do Antigo Réxime». Para o intelectual lucense a sociedade tiña que basearse na igualdade de todos os cidadáns ante a lei, «e acusa á nobreza e á Igrexa de afogar ás clases traballadoras». Para isto, explica o investigador, os poderes empregan a mestura dos códigos de dereito romano, canónico e civil coma un subterfuxio para lexitimar os privilexios das clases podentes.

Para Rodríguez a que probablemente sexa a súa achega máis salientable no ámbito social foi a súa crítica aos morgados. «Castro chega a conclusións radicais como aquela que indica a necesidade de que os herdeiros das casas nobres deben ser expulsados da república humana por insolidarios coas clases produtivas ás que sangran e explotan sen reportar ningún beneficio ao ben público e común. Máis lles vale aos campesiños, di, vivir entre tigres e leóns que non entre os donos das terras que traballan». A Igrexa tampouco sae ben parada nos seus escritos, «á que acusa de inmobilista, insolidaria, ancorada nos prexuízos escolásticos e, polo tanto, incapaz de dar resposta positiva ás necesidades do pobo».

Sinatura do Doutor Castro
Sinatura do Doutor Castro

Castro, di Rodríguez, reivindicou unha sociedade máis aberta que remate coa lóxica estamental e que aposte pola meritocracia e a mobilidade social. Para iso defendeu unha educación primaria ampla «que sirva de base para capacitar aos cidadáns para mellorar as súas condicións de vida».

Pioneiro en Europa contra o racismo e a favor das mulleres

O Doutor Castro, explica Lois Rodríguez, foi tamén un dos autores pioneiros en Europa no século XVIII en rexeitar as diferenzas raciais e afirmar «unha absoluta igualdade antropolóxica entre brancos e negros, o que o leva xa en 1770 a falar dos dereitos humanos (dezanove anos antes que a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán) e denunciar con vehemencia o mercado de escravos entre África e América».

A súa afirmación de que «según la naturaleza todos los hombres nacen iguales» lévao a desenvolver un pensamento antropolóxico moito máis avanzado e contemporáneo que o dos grandes intelectuais europeos e norteamericanos da época.

«Así mesmo tamén clama contra a subtracción das mulleres do tecido económico», explica Rodríguez Cabana. Castro reclama un recoñecemento social do traballo das mulleres que, especialmente nas clases humildes e traballadoras, colaboraban na produción igual cos homes, «mais que se vían perxudicadas por unha lexislación que non asignaba ao seu esforzo ningún tipo de retribución».

Un dos libros do Doutor Castro
Un dos libros do Doutor Castro

Castro foi tamén o autor da primeira Historia da ética escrita en España seguindo os criterios da nova historiografía científica que estaba a estandarizarse na segunda metade do século XVIII. E respecto do seu pensamento de corte epistemolóxico e científico, Lois Rodríguez destaca «o seu encomiable esforzo por compatibilizar os dous grandes paradigmas da época (racionalismo e empirismo) indicando que tanto as deducións racionais, como a observación natural e a experimentación, son imprescindibles para a ciencia e para o desenvolvemento social, cultural, económico e tecnolóxico da humanidade».

Deste xeito, o Doutor Castro desmárcase da visión máis conservadora e tradicional, defendida pola meirande parte dos intelectuais de seu tempo, que vía no discurso científico un inimigo da relixión.

Pide actividades para dar a coñecer a un home cuxo retrato preside o salón de plenos

Lois Rodríguez Cabana lembra que a figura de Juan Francisco de Castro preside o salón de plenos do Concello de Lugo desde fai máis dun século xunto á imaxe de monarcas e grandes personalidades da vida pública española. «Non é casualidade, porque o seu pensamento atrevido e vangardista constitúe unha das meirandes expresións da reivindicación dos dereitos cidadáns fronte aos poderes absolutos dos privilexiados».

Para o profesor lucense sinala que o Doutor Castro é un exemplo de sinceridade intelectual, «de aposta pola razón, polo progreso social e pola exaltación dos dereitos cidadáns, deixou unha forte pegada na memoria colectiva dos cidadáns da nosa provincia».

Debuxo do Doutor Castro do século XIX
Debuxo do Doutor Castro do século XIX

Para Rodríguez Cabana é o filósofo máis destacable da historia de Lugo «pola complexidade e a plasticidade do seu pensamento, polo arriscado da súa achega política e social e mesmo polo seu compromiso cos nosos concidadáns do século XVIII».

Neste senso, afirma que «o seu retrato acompañe as decisións adoptadas polo salón de plenos do Concello durante décadas non deixa de ser unha certa xustiza poética que require agora tamén dun correlato máis amplo que dinamice a súa memoria e faga que os nosos concidadáns podan redescubrilo. As actividades do terceiro centenario do seu nacemento son o vehículo perfecto para dar forma a ese redescubrimento».