Deportistas luguesas promoven a igualdade e o Camiño

La Voz LUGO

LUGO

Presentacion do programa «O Camiño que nos une»
Presentacion do programa «O Camiño que nos une»

O proxecto «O Camiño que nos une» comezarbotará a andar de forma telemática o día 22

16 mar 2021 . Actualizado a las 11:48 h.

Oito deportistas luguesas tomarán a palabra esta primavera para promover entre a mocidade valores de igualdade, inclusión e impulso ás rutas xacobeas da provincia no marco do proxecto «O Camiño que nos une», que conta co financiamento do programa O Teu Xacobeo.

A iniciativa, ideada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia, desenvolverase de xeito telemático e somerxerá ao alumnado de oito centros educativos no impacto positivo que teñen as rutas xacobeas sobre a contorna na que viven. Implicaranse o CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita e o IES do Camiño de Palas en representación do Camiño Francés; o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo e o IES Basanta Silva de Vilalba no Camiño do Norte; o IES Francisco Daviña Rey de Monforte e o IES Lama das Quendas de Chantada vencellados ao Camiño do Sur ou do Inverno; e como bandeiras do Primitivo, o CPI de Castroverde e o IES Lucus Augusti de Lugo. As sesións comezarán o próximo luns, día 22, en Pedrafita do Cebreiro.

Traxectorias das atletas

As voces protagonistas serán as das deportistas, quen achegarán as súas vivencias e traxectorias persoais e profesionais ao alumnado para conciencialo sobre igualdade e inclusión. Así, a atleta Alessandra Aguilar, a xogadora profesional do Pescados Rubén Burela Futsal Lara Balseiro, a xogadora de volei Nuria Bouza, a piragüista Tania Fernández, a judoka Sara Álvarez, as atletas Saleta Fernández e Adiaratou Iglesias, así como Hilda Rodríguez, primeira deportista galega en acadar unha medalla nuns Xogos Paralímpicos (Atlanta 1996) converteranse no fío condutor desta actividade, que contará tamén con materiais didácticos especificamente deseñados para cada ocasión.