A creación galega colle impulso co Lugo Cultural

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do programa de actividades do Lugo Cultural
Presentación do programa de actividades do Lugo Cultural CEDIDA

O grupo de música antiga Serendipia Ensemble abre o luns o programa de actividades cun concerto no Círculo das Artes

16 mar 2021 . Actualizado a las 14:26 h.

A creación galega colle impulso co programa Lugo Cultural, que volve con forza neste 2021 sorteando os atrancos que impón a pandemia. As novas medidas de seguridade sanitaria son unha garantía para continuar gozando da música de cámara, experimental, teatro, danza, visitas patrimoniais, debates, novas formas de expresión gráfica e audiovisual, certames de fotografía e videocreación, videoxogos... Así quedou de manifesto na presentación do calendario de actividades promovido pola USC xunto ao Concello e a Deputación. O acto tivo lugar onte, a cargo da vicerreitora de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel; a deputada delegada de Cultura e concelleira Maite Ferreiro, e Rafael Mallo, batería do grupo Triángulo de Amor Bizarro.

«O Lugo Cultural contribuirá a reforzar a pegada creativa na cidade amurallada durante este ano», explican desde a USC. O programa aposta tamén pola recuperación para usos creativos e culturais de espazos menos habituais, tanto ao aire libre como en recintos pechados. A posta de largo da nova oferta de actividades culturais serviu para salientar a capacidade e os esforzos feitos durante a pandemia para dar continuidade á programación con total seguridade. A aposta pola experimentación e a investigación no mundo das artes e o pulo ás creacións galegas e en galego que promove esta iniciativa xa consolidada como un referente da vida cultural da capital luguesa foron outras das mensaxes apuntadas na presentación.

Calendario de actuacións

O grupo de música antiga Serendipia Ensemble abrirá o este luns o ciclo Músicas a carón da Mosqueira cun concerto de frautas de pico e percusión, a partir das 20.30 horas, no Círculo das Artes. As persoas interesadas en asistir como público poderán solicitar as súas entradas ata as 12.00 horas do luns a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es

Dous días despois deste primeiro concerto, o grupo Triángulo de Amor Bizarro presentará, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o seu quinto traballo, un álbum homónimo que está nomeado ao Premio Impala ao Disco Europeo do Ano e cuxa estrea en Lugo servirá de apertura do Lubicán 2021, un ciclo no marco do que Verto traerá a Lugo o 21 de abril Embora, e que rematará o 19 de maio cun concerto de Nacho-Faia-Lar no Círculo das Artes, onde ofrecerán ao público unha ollada transgresora e contemporánea sobre o repertorio do músico portugués Zeca Afonso.

Os ciclos de cámara Músicas a carón da Mosqueira ou programas como Noites na Domus depararán ao público lugués novas oportunidades de gozar da música e do patrimonio, do mesmo xeito que Sonscreativos permitirá viaxar xa en outono cara a música experimental. O éxito colleitado en 2020 co repertorio de concertos desde a solaina da Casa do Saber contará este ano cunha nova edición que contempla catro actuación ao longo do mes de xullo.

Haberá tamén novas edicións doutro fitos do Lugo Cultural, como o Festival de Teatro, que nesta edición se celebrará 12 ao 21 de abril e no marco do que a compañía de teatro USC-Lugo que dirixe Carmen Conde presentará A emperadora, o Encontro de Danza, o Maratón Fotográfico do Campus ou o certame audiovisual Findecurta e de videocreación.

Una das singularidades que presenta o Lugo Cultural 2021 atinxe á reforzada aposta polos creadores locais, artistas aos que se lles ofrecerán oportunidades de dar conta do seu traballo, tanto a través do ciclo Na Calzada, como no Lubicán íntimo, aos que os propios estudantes universitarios poderán facer chegar as súas preferencias, que determinarán a composición do cartel de artistas.

Conexión e cultura segura

O Lugo Cultural simboliza e fai visible a conexión entre a comunidade universitaria e a sociedade luguesa, segundo salientaron na presentación da nova edición dun programa que favorece a experimentación, a creatividade e as novas formas de expresión artística, ao tempo que garante o goce da cultura de xeito seguro, salientou Maite Ferreiro, quen tamén destacou o traballo que se fai desde as áreas de Cultura da USC, do Concello e a Deputación para ofrecer unha programación cultural cada vez máis ampla e diversa e con calendarios e horarios acaídos.