María López Sández, escritora de Lugo: «Sorprende a modernidade de Pardo Bazán, que se autodefiniu coma unha radical feminista»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

María López Sández
María López Sández OSCAR CELA

Acaba de publicar, xunto a Marilar Aleixandre, o libro «Movendo os marcos do patriarcado», no que analizan o feminismo de Emilia Pardo Bazán, cando se cumpre un século do seu pasamento

13 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora, mestra e investigadora María López Sández (Lugo, 1973) acaba de publicar, xunto a Marilar Aleixandre, Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán. Trátase dun ensaio escrito orixinalmente en galego e que xa está dispoñible na lingua orixinal, editado por Galaxia, e en castelán, por Ménades. Detrás deste traballo hai dous anos de investigación, que culminan coa publicación da obra precisamente no ano no que se cumpre un século do pasamento de Emilia Pardo Bazán.

-Como xurde este libro?

-Marilar Aleixandre fíxome a proposta de escribir xuntas un libro-ensaio en galego sobre o feminismo de Pardo Bazán. E a verdade é que ao principio díxenlle que non, con moita dor, porque pensaba que polas miñas obrigas non podería manter o seu ritmo de traballo. Pero despois duns días de darlle voltas, accedín.

-Non había escrito ningún ensaio sobre o feminismo de Pardo Bazán?

-Hai artigos ou consideracións na súa obra sobre este aspecto, pero un ensaio cunha pescuda específica sobre o tema non había, era unha lagoa na que había que poñer o foco.

-Segue de actualidade o pensamento de Pardo Bazán?

-Si, totalmente. De feito, sorprende a modernidade da autora, que dixo de si mesma que era unha radical feminista, e afirmou que na loita feminista estaba disposta a deixar ata a última gota de tinta. Ela defendía non só o dereito das nenas á educación, senón sobre todo, a coeducación. Outro concepto moi moderno era o de negar o destino relativo, é dicir, estaba en contra da corrente que defendía a educación nas mulleres para que trasladaran eses coñecementos aos fillos; ela defendía un destino propio, unha educación para nós mesmas. Unha das súas citas foi que todas as mulleres conciben ideas, pero non todas conciben fillos. Defendía tamén o dereito da muller ao pracer; escribe sobre a beleza masculina cando, por exemplo, describe o torso espido dun home e aparece un personaxe feminino contemplando a ese home. Tamén escribiu sobre o aleitamento dos fillos, ela quixo aleitar aos seus e rexeitou ter nodriza.

-Foron moitos os eidos que tocou para «mover os marcos do patriarcado», como di o título.

-Si. Ela escribiu moita «non ficción» e tivo unha actividade moi forte en prensa e tamén como tradutora. Ten un pensamento ensaístico e teórico sobre o feminismo moi sólido. Ela inventou o termo de «mullericidios», nun momento no que se falaba aínda de «crimes de honra», rebaixando así a importancia dos asasinatos de mulleres. Iso é algo que ela denunciou. Escribiu máis de cen contos sobre a violencia contra a muller, por exemplo, en El encaje roto. Tamén escribía con moito sarcasmo sobre episodios de machismo na sociedade e sempre afirmaba que non podía haber dúas morais para dous sexos. Ela vai desmontando o sistema de crenzas da época e vai minando a base do patriarcado, é moi lúcida. Así que foi moi importante o seu papel no feminismo, tanto desde o que viviu como desde o seu pensamento.

-Que importancia tivo a súa defensa dos mesmos deberes para homes e mulleres?

-É moi interesante esa apreciación porque ela soubo ver a trampa que hai detrás das afirmacións de que as mulleres somos mellores que os homes, máis doces, máis boas... moitos machistas así o din. No fondo dese discurso patriarcal radica a trampa de sobrecargarnos de traballo, de obrigas... sobre todo, no ámbito dos coidados, aducindo que as mulleres somos máis dotadas para esas tarefas, cando debería haber igualdade tamén neses deberes. Non se trata de denostar a ética dos coidados, senón de implicar a todos os humanos nela. Ese debate aínda está de actualidade, polos problemas de conciliación e dedicación laboral que implica, e ela soubo ver a trampa nun momento no que era difícil velo. Dicía que a submisión pola forza só dura un tempo, pero que a submisión perpetua conséguese dando valor de deber e virtude á violencia e á servidume.

-Foi un traballo de investigación longo. Sorprendeuna o que descubriu desta autora?

-Xa coñeciamos a Emilia Pardo Bazán, pero si que nos sorprendeu ao afondar na súa vida e na súa obra. Por iso convidamos a que se lea. En Galicia non tivo o recoñecemento que se merecía, está rodeada de polémica a súa figura por culpa dun antagonismo simbólico. Sempre se contrapón a Emilia con Rosalía, polas súas diferentes ideoloxías e porque a primeira escribía en castelán. Iso lastrou a súa valoración. E non deixa de ser tamén algo machista porque ás mulleres non se lles perdoan as imperfeccións, ou son perfectas en bloque ou xa as defenestramos. E iso non ocorre no caso dos homes. De feito, dicía que de terse chamado Emilio a súa vida sería moi diferente. Temos, por exemplo, a Rousseau, un gran pedagogo e pensador sobre educación, pero non foi así cos seus fillos; ou o propio Pondal, autor da letra do himno de Galicia que todos cantamos con orgullo, pero que ten poemas misóxinos; ou o médico Novoa Santos, con rúas dedicadas, que escribiu un libro sobre a indixencia mental da muller intentando demostrar bioloxicamente as súas limitacións intelectuais. Así que nos homes o valor intelectual non ten que ir asociado a unha personalidade global, pero si nas mulleres, se non castígase.

-A que público se dirixe a obra?

-Non ten que ser un público especializado, pero pode interesar a xente do campo literario e do feminismo. En calquera caso, reivindicamos a Emilia como patrimonio galego, porque nós tamén somos fillas de Pardo Bazán.