A reserva etnográfica dos Ancares esmorece

María Guntín
María Guntín OS ANCARES / LA VOZ

LUGO

O tempo, a desatención e o abandono fan que as xoias da comarca se desgasten co paso dos anos

27 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Antes, cada casa tiña cadansúa uriceira no souto. Buscábase o sitio máis fondo da finca e ás veces, os burros eran os encargados de baixar os cestos. Durante dous meses, os ourizos permanecían gardados, tapados con silvas e toxos para evitar así que entraran os animais salvaxes», explica Toño Núñez subindo cara a Coro, ladeira arriba, por unha estrada dos Ancares. Este naviego conta tamén que daquela, as feiras eran moi importantes en toda esta zona de montaña: «A xente ía con varas de catro ou cinco metros ao lombo á feira de Navia. E saían de sitios como Rao ou Balouta. Antes, toda a madeira tiña a súa función», engade. Hai anos, as feiras eran o segundo domingo de cada mes e tamén se celebraban os días 29. Á de Navia chegaba xente dende O Bierzo e había asistentes que camiñaban 50 kilómetros, o que se traduce nun día de camiño, para poder ofrecer os seus produtos e, ao mesmo tempo, sacarlles algo de rendibilidade. «Había quen facía o camín con 20 ou 30 vacas», lembra Toño. Ademais, era frecuente que as casas tiveran cantina e o último grolo trala feira, xa co material recollido para retornar a casa, chamábase ‘arrincadeira’. Pero como ben é sabido, a última sempre se converte en penúltima. Era entón cando comezaban os cantos, pero tamén as liortas que, en moitas ocasións, acababan a coiteladas.

Os Ancares é tamén unha reserva etnográfica, pero a realidade indica que a maior parte das uriceiras están derruídas e apenas se pode intuír o que en días foron, por poñer un exemplo que se pode trasladar ao que lle acontece a moitas outras xoias que descansan nestas montañas.

Recorda tamén Toño, que nos guía por esta andaina, que cando era novo traballaba limpando as cunetas das difíciles estradas dos Ancares e lembra tamén que cando foi estudar a Lugo, «o autobús tardaba tres horas en chegar á capital dende A Proba».

A meirande parte de pazos desta comarca eran de talante humilde e pertencían a pequenos fidalgos. Agora, estas alfaias arquitectónicas están en mans dos herdeiros aínda que moitas, consérvanse de xeito precario e están moi deteriorados.

Os curtíns son tamén un elemento característico da montaña lucense. O de Robledo de Rao está a pé de estrada e, aínda que non se pode entrar nel, permite camiñar ao seu carón para entender, en certo modo, cal era o seu uso: son construcións de pedra con forma ovalada cuxa finalidade era protexer as colmeas dos osos e do vento. A venda de mel e cera proporcionaba aos lugareños unha pequena axuda económica. Nos últimos anos produciuse un tímido rexurdimento da apicultura nos Ancares, xa que aquí o clima e a vexetación invitan a facer unha actividade que permite aproveitar os recursos da zona, contribuír á conservación do terreo e, ao mesmo tempo, sacarlle algo de proveito .

Igrexa convertida en garaxe

Os proxectos para recuperar Os Ancares sucédense dende hai anos, pero poucos dan froitos. Hai xa 20 anos, a Xunta aprobou unha inversión de 70 millóns para restaurar a aldea de Coro, que ten un dos mellores conxuntos etnográficos de toda Galicia. Daquela, a igrexa construída no 1804 foi reconvertida en garaxe xa que o dono decidiu que precisaba meter alí o seu coche. Ademais, sacoulle ata o campanario.

Dúas décadas despois, ao chegar a Coro o primeiro que se aprecian son os carrís que, explica Toño, son as cancelas típicas da zona, feitas con madeira entrecruzada. Aquí, as casas teñen unha balconada característica e ás colmeas chámanlles trobos. Dende a Casa de Morodo contan que pola semana apenas hai visitantes e que xa non quedan pallozas. «Cando era nena aquí eramos 30 veciños, pero agora só quedamos xubilados», di unha das veciñas. Manuel, dese mesmo lugar, comenta cas madroñas nos pés —son zapatos quentes, feitos de madeira— que só hai catro vivendas que estean habitadas e que a rehabilitación prometida pola Xunta desenvolveuse nunha primeira fase hai máis de 20 anos: «Amañaron os camiños, que xa estaban de cemento, pero non levantaron o que había por baixo, polo que non quedaron moi ben», explica.

Hai quen pensa que Coro ardeu por completo e que ese foi o motivo polo que a Xunta decidiu facer unha aldea modelo que nunca chegou a ser tal. Isto explicaría por que as casas son uniformes, pero o verdadeiro motivo, conta Manuel, é que antes había un carpinteiro cuxa familia vivía nas poucas vivendas que estaban habitadas. El foi o encargado de renovar as construcións de pouco en pouco e decidiu darlles a todas un aspecto similar.