«A xente poderá tocar unha melodía facilmente cun salterio»

Efrén Castro, deputado de Artesanía, e Luciano Pérez, comisario da mostra «A memoria do son», presentan a exposición itinerante

Efrén Castro e Luciano Pérez, na presentación da mostra itinerante «A memoria do son».
Efrén Castro e Luciano Pérez, na presentación da mostra itinerante «A memoria do son».
L.L.
Lugo / La Voz

A vicepresidencia da Deputación, a través do Centrad, organiza unha mostra itinerante, A memoria do son, para poñer en valor o patrimonio musical medieval. Efrén Castro, deputado de Artesanía e Deseño, e Luciano Pérez, comisario da mostra e neto de Paulino Pérez (fundador do obradoiro de instrumentos musicais), estiveron en Voces de Lugo, de Radio Voz.

-A mostra recolle boa parte da historia do propio centro.

-[Efrén Castro] Si, o certo é que coincide co 70 aniversario do taller-escola de instrumentos musicais, así que decidimos sacar a fóra esas xoias que temos de instrumentos medievais e antigos e repartilos por toda a provincia para dar a opción de velas.

-Moitos lucenses descoñecemos os tesouros do Centrad sobre instrumentos medievais.

-[E. C.] Si, e non só pasa co Centrad. Eu creo que na cidade hai grandes tesouros que non son tan coñecidos como deberían, por iso facemos ese esforzo de difusión. E tamén para darlles a oportunidade aos escolares de ver como é a historia dos instrumentos e a importancia que ten Lugo na recuperación desa historia. Son 70 anos traballando nesa recuperación e cremos que somos un referente mundial nese aspecto.

-Verase a partir de maio?

-[E. C.] Si, na pandemia adaptarémonos, pero agora abre a quenda de peticións e logo deseñaremos o calendario, no que entrarán todos, porque ao ser produción propia podemos alongalo.

-Como comezou o traballo de recuperación hai sete décadas?

-[Luciano Pérez] Daquela estaba máis enfocado á recuperación e construción de instrumentos tradicionais, tanto gaita como zanfona, con menos acceso á información que agora, pero sentaron as bases para poder acometer proxectos de maior envergadura.

-Como se estrutura a mostra?

-[L. P.] Ademais de sete reproducións cubrindo todas as familias instrumentais que temos, imos ter a oportunidade de escoitar como soa cada un dos instrumentos por medio dun acceso rápido de códigos QR, a través do móbil, evitando así o contacto cos auriculares. A finalidade é contribuír aos avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vogal medievais. Creo que vai representar un medio excepcional para interactuar co son. Recreamos uns pequenos microespazos nos que desvelamos documentos históricos da iconografía, da literatura... un espazo destinado ao pracer da vista, do oído, para tocar, escoitar e entender o contexto no que foron concibidos.

-O Xacobeo dálle pulo ao ser pezas ligadas ao Camiño?

-[L. P.] A reprodución máis antiga é unha xiga que data de 1103 e que está ligada a Compostela porque é unha escultura que estaba na primitiva Porta Norte da Catedral de Santiago, e agora pódese ver na de Praterías. Tamén hai unha zanfona de Alfonso X... Aínda que o documento iconográfico histórico básico para a reconstrución dos instrumentos ten que ver coa Catedral de Santiago, o Pazo de Xelmírez, Alfonso X... en realidade, nestes estudos hai unha contribución fundamental, que é a iconografía que se conserva na provincia de Lugo: Santo Estevo de Ribas de Miño, San Miguel do Monte en Chantada, igrexa de Portomarín... Na Catedral de Lugo tamén temos un exemplo magnífico: unha rota na primitiva Porta Norte.

-Haberá versión dixital?

-[L. P.] Si, con acceso desde calquera soporte. Ademais, tivemos que modificar o apartado interactivo, pero puidemos integrar un salterio para que a xente poida experimentar como soa; a xente poderá coller unha púa persoal e tocar unha melodía facilmente, seguindo a liña dunhas notas musicais, cunhas partituras intercambiables. Tamén hai pasatempos que xa non se farán alí, pero a Deputación elaborou un pack para agasallar aos visitantes. Haberá tamén un catálogo en varios idiomas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A xente poderá tocar unha melodía facilmente cun salterio»