O cura dos Ancares que da misa en tres comunidades autónomas

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Don Jesús abre a igrexa de Balouta en pleno temporal de neve
Don Jesús abre a igrexa de Balouta en pleno temporal de neve Carlos Castro

«Na parroquia de Rao chegaron a vivir mil persoas, agora quedan 54», conta Don Jesús

20 feb 2021 . Actualizado a las 21:12 h.

Na parroquia de Santa María de Rao, en Navia de Suarna, todos coñecen a Don Jesús. O párroco, natural de Paradela e de 85 anos de idade, da misa en tres comunidades autónomas distintas: Castela e León, Asturias e Galicia e leva actualmente seis parroquias: Balouta, Pelliceira, Pando, Moia, Muñís e Rao.

El é a persoa que mellor coñece a realidade da sangría demográfica que ameaza Os Ancares dende hai décadas: «O máis doloroso foi ver como pechaban as casas e marchaban cara a Barcelona matrimonios novos, con catro ou cinco nenos», conta. Non oculta o dura que foi e é a vida na montaña, pero asegura que se fixo cura «para traballar». Lembra tamén que na parroquia chegaron a vivir 1.000 persoas e había tres escolas. Agora, só quedan 54 residentes: «Eran familias numerosas, con dez once fillos», explica. No colexio de Rao había 48 nenos; no de Murias, 36 e no de Aigas, 38. Recorda Don Jesús que en tempos as escolas funcionaban moi mal e, confesa, el chegaba a substituír ás mestras cando derrotadas, deixaban os seus postos. «Eu dicíalles aos nenos que debían quererlle aos profesores, pero aínda máis aos pais», explica. Algúns rapaces saían da escola sen saber ler nin escribir, algo que repercutía directamente no futuro laboral das crianzas.

—E de que maneira cre que se poderían abrir as casas que están pechadas e asentar poboación?

—Esa é unha pregunta moi complexa.

Esa é a contestación do párroco, consciente do problema. «Estas terras teñen moito potencial, non sei como se pode botar a perder», conta con moita pena. Considera que un cambio lexislativo é fundamental para conseguir que veña xente nova vivir á montaña. «Aquí, pódeste dedicar ao que queiras porque hai terra, auga e clima», di convencido.

Don Jesús da unha misa ao mes en cada parroquia, pero en Rao, que é onde vive, impártea tódolos domingos, aínda que todo depende da neve xa que ás veces, chegar ata a igrexa resulta tarefa imposible. O párroco leva 59 anos dando misa —entón desprazábase na súa Vespa, ca que chegou incluso ata Vigo e Salamanca— e explica, o coronavirus fixo que a liturxia non se poida celebrar de xeito habitual. «Neste tempo súmase á pandemia que aquí vive moita xente maior á que non podo poñer en perigo», di. Don Jesús non bautiza ningún neno dende hai anos. «Xa non lembro cal foi o último», engade.

«Murias foi un pobo que emigrou nos últimos tempos. Tardaron máis en marchar porque había moita xente nova e toda estaba moi unida», conta o párroco. Ademais, fala orgulloso da boa relación que houbo sempre: «A dificultade xuntounos». El, que é fillo de labradores, traballou dende que naceu, «e aprendín moito, agora parece que se os pais lle piden aos cativos que fagan algo os están explotando». De Don Jesús é mérito, entre outros moitos, que Pelliceira teña igrexa, xa que o templo ardera a principios do século pasado: «Nos anos 60 fixémola en ladrillo porque non tiñamos cartos. Agora tratamos de recubrila con pedra, pero tivemos que ir por ela a Portugal, gardámola ao lado do templo, pero non podemos poñela, non nos deixan tocala», engade con pena.