Lugo: David Miranda: «A ordenación do territorio é unha oportunidade para facer fronte ao cambio climático e ás pandemias»
O director do Laboratorio do Territorio da USC informou dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial
Lugo / La Voz
O Ibader e o Laboratorio do Territorio da USC veñen de convocar os Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial. David Miranda, director do laboratorio, falou deste certame no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.
-Quen foi Rafael Crecente?
-Foi quen fundou o Laboratorio do Territorio; e foi un profesor da Escola Politécnica de Lugo que dedicou toda a súa vida profesional a investigar e traballar no ámbito da xestión territorial e da ordenación do territorio, cunha perspectiva integradora e holística. Os premios pretenden ser unha homenaxe a este entusiasta da ordenación territorial.
-É unha materia pendente de Galicia a ordenación territorial?
-Efectivamente. Nós entendémola como unha oportunidade para facer fronte a moitos retos territoriais actuais, incluídos o cambio climático e as pandemias.
-A quen vai dirixido o premio?
-Rafael sempre quería ofrecer oportunidades aos xoves; por iso este premio vai dirixido a todos aqueles recén egresados, que teñan ideas innovadoras no ámbito do desenvolvemento territorial, rural, da conservación, do medio ambiente...
-Que ideas foron premiadas en anteriores edicións?
-Todas as candidaturas son boas ideas, pero temos que seleccionar. Nesta ocasión hai dous premios con dotación económica, de 2.000 e 1.000 euros. Noutras edicións téñense recibido moi boas ideas: por exemplo, na convocatoria pasada o primeiro premio foi para dous rapaces que presentaron un sistema que mesturaba a innovación e a tradición para a xestión da auga. Tamén houbo algunhas aplicacións informáticas interesantes. Ten un ámbito de aplicación bastante amplo, así que animo a todos aqueles egresados que teñan unha idea que crean que pode encaixar, un traballo de fin de grao, de máster... que presenten candidatura.
-O Campus Terra canaliza ben ese talento.
-Si, os titulados que saen do Campus teñen esa orientación e perspectiva territorial.
-Ata cando se pode participar?
-Ata o 31 de marzo, e os premiados saberanse nun prazo máximo de dous meses. Eu animo a todo o mundo a participar, porque aínda que non sexan seleccionadas, desde o Ibader ou o Laboratorio pódese axudar aos rapaces a poñelas en práctica ou en valor. Non se precisa que sexa un proxecto moi maduro, o que se valora son as ideas.
Comentarios