Lugo: Os poemas galegos de Lorca musicados xa están na Rede
Os temas estreáranse nun concerto en decembro na Casa do Saber
Lugo / La Voz
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, anunciou que xa están dispoñibles para a súa escoita as cancións creadas ao abeiro de Proxecto Lorca, unha iniciativa impulsada polas áreas de Cultura da Deputación e da USC en Lugo. Trátase de pezas compostas sobre o poemario Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, por músicos e grupos lucenses. Abrigueiro Estudio encargouse da gravación e produción dos temas, que se estrearon en decembro nun concerto na Casa do Saber e que agora están dispoñibles na canle de Youtube de Vicepresidencia e en Spotify.
Ferreiro explicou que «coa gravación e difusión dos poemas musicados ampliamos o percorrido do Proxecto Lorca e poñemos en valor o traballo de creadores lucenses que asumiron o reto de poñer música por primeira vez a cinco das seis composicións do poemario en galego do autor granadino».
Noelia Geada e David Taboada musicaron Cantiga do neno da tenda; o grupo Nebra, Danza da lúa en Santiago; a banda indie Infrarroja, Romaxe da Nosa Señora da Barca; os músicos Quique Muruáis e Luis Monsalve, sobre Noiturnio do adoescente morto; mentras que o dúo Condensadores de Fluzo, con Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta. O repertorio complétase con Chove en Santiago, unha melodía de Carlos Díaz para o poema Madrigal á cibdá de Santiago, composta en 2015 pero rexistrada agora por primeira vez para a súa difusión.
Viaxes de Lorca a Galicia
A gravación e difusión das cancións culmina o Proxecto Lorca, un programa arredor da primeira visita de Lorca a Galicia en 1916 nunha viaxe cultural de estudos, segundo documentou o escritor e editor Henrique Alvarellos. Aí comezou a forxarse a relación do poeta granadino coa cultura galega que transloce no poemario Seis poemas galegos, publicado pola Editorial Nós en 1935.
https://www.youtube.com/watch?v=bXLGs7DuOLc&list=PLTQ3qn1unhyTvv1w5SnDYw48tnhDAXVhx
https://open.spotify.com/album/0MR0Kkl3zunyHXHR7Ewf7q?si=9h1L3XouS_G72WPs1RIqsA
Henrique Alvarellos: «O primeiro poema de Lorca en galego publicouse en Lugo»
Félix Jorquera / L.L.O escritor e editor lugués sinala que o libro galego do poeta andaluz é «unha ofrenda á nosa cultura»
Henrique Alvarellos abriu o Proxecto Lorca cunha charla sobre a poesía galega de Federico García Lorca e a súa relación con Santiago e Lugo. Estivo no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.
-Quedou abraiado García Lorca pola musicalidade do noso idioma?
-Sen dúbida. Xa con 18 anos escribiu no diario que empezou a facer cando visitou Galicia por vez primeira: «Esto me hipnotiza». A primeira impresión que tivo foi esa paisaxe tan distinta para un andaluz coma el. O Chove en Santiago que canta Rosa Cedrón foi o seu primeiro poema en galego, que deixou manuscrito na cidade de Lugo, en novembro de 1932, na súa segunda visita. Así que Lugo está moi presente nese inicio e forxa dos poemas galegos.
Comentarios