Os museos achegan cultura e cariño aos nenos hospitalizados

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do programa «Saudarte en Rede»
Presentación do programa «Saudarte en Rede»

Xogos e probas a través do WhatsApp permitirán aos cativos gozar do patrimonio grazas ao programa «Saudarte en Rede»

13 feb 2021 . Actualizado a las 12:39 h.

A riqueza cultural da Rede Museística Provincial de Lugo chega aos hospitais lucenses para permitir ás nenas e nenos hospitalizados gozar dunha motivadora experiencia cultural nos catro museos que integran a Rede (Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, Fortaleza de San Paio de Narla e Museo do Mar). O obxectivo é humanizar a estancia hospitalaria dos pacientes pediátricos e enviarlles unha «aperta» virtual aos nenos, as súas familias e o persoal sanitario.

A novidosa iniciativa chámase «Saudarte en Rede», e está pensada para acompañar a estancia hospitalaria dos máis cativos: «Os museos somos sanadores porque non hai mellor terapia que o cariño, e diso temos a fartar. En tempos nos que se pechan as portas, queremos facer a nosa casa máis grande para que collamos todos e achegarnos a quen máis o precise. Non é o que facemos, é o que somos: somos comunidade e coidámonos», explican desde a Rede.

Para iso, os museos provinciais ofrecen a través de Whatsapp diversas actividades, deseñadas cun formato sinxelo, lixeiro e flexible, para desenvolver en pouco tempo e espazadas ao longo da semana.

«En tempos nos que se pechan as portas, queremos facer a nosa casa máis grande para que collamos todos e achegarnos a quen máis o precise»

A proposta, que conta coa colaboración da área de Humanización da Área Sanitaria de Lugo, ofrece ás crianzas ingresadas nos centros hospitalarios «coñecer os catro museos a partir de diferentes xogos e probas, aproveitando os recursos en liña da rede provincial», segundo explicou a xerente da Rede, Encarna Lago.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que con esta nova proposta se «segue a ampliar a oferta de actividades dos museos provinciais, nos que desde o inicio da pandemia se procuraron fórmulas para seguir achegando o patrimonio a todos os públicos».

Catro en Rede

Un dos xogos propostos é o «Catro en Rede», pensado para que os nenos poidan saír do seu «confinamento» hospitalario e viaxar polos catro museos da provincia.

Deste xeito, a partir dunha personaxe de ficción -un trasno rabudo que quere separar os museos-, dous días á semana propóñense unha serie de xogos e de actividades cargadas de diversión que terán que ver cos contidos, as coleccións e os profesionais dos catro museos ata completar o percorrido por todos eles .

Scape room pola Rede

Por outra banda, hai tamén visitas inmersivas coa «Scape room pola Rede». Trátase de visitas virtuais artelladas a redor de distintas temáticas, buscando establecer conexión entre as distintas pezas dos museos.

O Lugo romano, a vestimenta ao longo da historia ou a igualdade son algúns dos eixos temáticos que se propoñen para estes percorridos.

Inscricións

As persoas interesadas en participar en calquera das actividades poden anotarse a través do telefóno 699 836 883 ou do correo a comunidadermpl@gmail.com, indicando no asunto «Saudarte en Rede».